O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra acollerá nos vindeiros días tres estreas, dúas delas creadas en exclusiva para esta cita cultura: a obra de teatro Luppo de Baobab e A miña estrela, da Orquestra de Cámara Lira e os bailaríns da Escola de Baile Deborah.
A primeira destas estreas está prevista para as 18.00 horas deste luns e chega da man do coro infantil do Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra, que interpretará temas arredor da música e a natureza, en consonancia coa temática deste ano do Salón do Libro, Da Ciencia á Ficción. O concerto é de entrada libre ata completar aforo.
Este martes a exclusiva chegará da man da compañía de teatro pontevedresa Baobab e a súa nova obra, 'Luppo', na que a música ten un papel moi importante e maniféstase en varios estilos, como a ópera ou a música popular, especialmente a galega. Ademais, a posta en escea fai gala de grande orixinalidade, xa que os oito personaxes están feitos con cartón.
Andrea Bayer, de Baobab Teatro, explica que a idea de Luppo rondáballe pola cabeza dende hai "moito tempo" porque "Luppo era un veciño meu, a partir del, e deixando que a imaxinacións se disparase, xurdiu esta obra, que fala das relacións dos nenos cos maiores e do ciclo da vida en xeral". A representación repetirase mércores e o xoves no auditorio do Pazo da Cultura ás 18.30 horas e as entradas custarán trés euros.
Este venres a cita corre a cargo da Orquestra de Cámara Lira. Estará acompañada de bailaríns da Escola de Baile Déborah e interpretarán A miña estrela, un concerto con danza creado en exclusiva para o Salón do Libro. Será no auditorio do Pazo da Cultura ás 18.30 horas e as entradas son a tres euros.
O público adulto poderá gozar este luns ás 19.30 horas dunha cita co catedrático de medicina legal e forense Ángel Carracedo, recoñecido a nivel mundial. Impartirá unha charla baixo o título 'ADN forense: un presente que parece ficción' no salón de actos do Pazo da Cultura. Ten entrada libre ata completar cabida.