Sete películas integrarán este ano a programación que a feira Culturgal dedicará ao cine. O grande atractivo será a estrea da película O corpo aberto, que se exhibirá en Pontevedra dúas semanas antes de que chegue ás pantallas de toda España.
O corpo aberto, dirixida por Ángeles Huerta, poderá verse o venres 25 de novembro, ás 19:00 horas, no salón de actos do Pazo da Cultura. Ata alí achegaranse a realizadora, o produtor Gaspar Broullón e parte do elenco actoral do filme.
A película, protagonizada por Tamar Novás, Victoria Guerra y María Vázquez, é a adaptación de Lobosandaus, un relato de Xosé Luis Méndez Ferrín sobre un mesteo que recibe como primeiro destino unha localidade na fronteira entre Galicia e Portugal, marcada polo misterio e a morte.
O programa para o sábado 26 arrancará con dúas propostas de animación, Valentina (12:00 horas), a historia dunha moza con síndrome de Down que soña con ser trapecista; e Unicorn Wars (17:30 horas), no que un exército de osiños inician unha guerra contra os unicornios.
Estas dúas películas, producidas por Abano Producións, están dirixidas por Chelo Loureiro e Alberto Vázquez, respectivamente.
Eles transportan a morte, dirixida por Samuel L. Delgado e Helena Girón, proxectarase ás 19:00 horas. Nela coñecemos a tres homes que, tras evitar as súas condenas de morte, forman parte da tripulación de Cristóbal Colón, pero fuxen ao chegar a Canarias.
Outras tres películas exhibiranse o domingo 27, comezando por A virxe roxa de Marcos Nine (16:30 horas), que recupera a historia de Aurora Rodríguez Carballeira, que acaba coa vida da súa propia filla de 18 anos, unha nena prodixio da política, da intelectualidade e do feminismo.
Ás seis será a quenda de Welcome to ma maison de Andrés Goteira, que conta as desventuras dun actor que, tras un colapso emocional, decide afastarse da interpretación por un tempo e centrarse na investigación cinematográfica.
O peche será a partir das 19.15 horas con O gran Camiño, dirixida por Alba Prol e Raúl García, na que os dous cineastas emprenden unha viaxe por algunhas das rutas a pé máis importantes do mundo na busca de historias que revelen as razóns da natureza camiñante do ser humano.
O acceso a todas estas proxeccións é libre coa entrada xeral da feira, pero o aforo é limitado.
Este ciclo é unha proposta da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) para a feira Culturgal 2022.