'A estación violenta', primeira longametraxe de Anxos Fazáns, xunto a 'British winters', de Roque Cameselle, serán as películas que abrirán a décimo quinta edición do festival de Cans.
Apostando polas novas xeracións de creadores audiovisuais, este ano Cans presentará tres films realizados por xente nova profesional do ámbito da curtametraxe.
Anxos Fazáns, directora de 'A estación violenta', quen se atopa actualmente no BAFICI, festival internacional de cinema independente de Bos Aires, terá a ocasión de presentar a súa primeira gran proxección xusto antes da súa estrea comercial, o 31 de maio.
A obra, rodada polos distintos lugares das Rías Baixas, é unha adaptación da novela de Manuel Jabois, coa que comparte título. Producida por Matriuska Producciones e con Alberto Rolán, Xosé Barato e Nerea Barros como protagonistas, Fazáns móstranos a historia de tres amigos que se reencontran nunha fase complexa das súas vidas, marcada polo sentimento de frustración e a ausencia dun futuro; un carácter moi "xeracional", destacaba Rolán.
Acompañándoa na apertura do festival, 'British winters', debut de Cameselle no ámbito de imaxe real e que, como afirmou o director do festival, Alfonso Pato, comparte coa película de Anxos ese carácter xeracional ao ser "filmes con protagonistas buscando un oco vital, desnortados". A película de Cameselle, co-dirixida co británico Andrew Turner, é unha comedia social que narra a procura dun mozo por cambiar o seu estilo de vida, inspirado pola súa irmá pequena.
Ao programa únese Ángel Filgueira coa súa longametraxe 'Sevilla e Gomorra', resultado da súa experiencia como estudante de intercambio en Sevilla e das reflexións dos "filósofos bébedos" que atopou alí.
O espírito adolescente do festival refórzase co deseño de Nikis Galicia, encargado da marca, quen reflectiu a frescura da mocidade enchendo ao famoso can de Cans con camelias e margaridas. Acorde ao estilo, o músico Magín Branco compuxo 'Cans & Cadelas'.