A escritora Nélida Piñón asiste o luns en Borela á presentación do premio de relato breve que leva o seu nome

Cerdedo-Cotobade
01 de outubro 2022

A literata galego-brasileira estará acompañada no evento polo alcalde e o secretario xeral de Políticas Culturais da Xunta

Nélida Piñón, de visita en Cerdedo-Cotobade
Nélida Piñón, de visita en Cerdedo-Cotobade / Cristina Saiz

A escritora galego-brasileira Nélida Piñón estará o luns ás 19 horas na Casa de Cultura que leva o seu nome na parroquia de Borela para presentar o III Premio de Relato Breve "Nélida Piñón". 

Neste acto a literata de recoñecemento mundial estará acompañada polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o secretario xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lorenzo.

Este premio literario está organizado conxuntamente pola Consellería de  Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Concello de Cerdedo-Cotobade e a Deputación de Pontevedra e con el preténdense render unha homenaxe a unha das figuras de máis relevancia no actual panorama internacional das letras.

Nélida Piñón, que sempre reivindicou os seu vencellos con Borela e co concello de Cerdedo-Cotobade, de onde eran oriundos os seus pais, atesoura entre os moitos recoñecementos internacionais á súa traxectoria literaria ser a primeira muller que chegou a ser presidenta da Academia Brasileira de Letras, en 1996. No ano 1995, obtivo o internacional de Literatura Latinoamericana Juan Rulfo. 

En 2003 recibiu o XVII Premio Internacional Menéndez Pelayo. No 2005, Nélida Piñón foi galardoada co prestixioso Premio Príncipe de Asturias das Letras. En abril de 2007, recibiu un doutoramento honoris causa por parte da Universidade Nacional Autónoma de México, máximo recoñecemento que outorga dita casa de estudos.