A Escola de Música de Salcedo celebrou o Entroido cun festival no que participaron tanto alumnos como profesores dirixidos por Pablo Cabanelas e Alfredo Sánchez Seara que, a través dun programa, foron percorrendo países e lembrando os sons dos cinco continentes.
A actuación celebrouse na Casa Verde de Salcedo e o público premiou cos seus aplausos as distintas intervencións protagonizadas por solistas e agrupacións que foron amosando os avances formativos que ao logo do periodo lectivo permitiu ampliar coñecementos e destrezas ao alumnado.
O evento tivo o seu momento de maior concentración de músicos durante a intervención da Banda Xuvenil de Salcedo, formada por gran parte dos alumnos da Escola de Música, na que vestidos de personaxes do Oeste Americano interpretaron varias pezas deste país entre as que destacan 'Yankee Doodle Doo' e 'The Magnificent Seven'.
Como colofón ao festival, todos os alumnos interpretaron o mundialmente coñecido 'Carnaval, Carnaval' acompañados polas palmas e o baile do numeroso público presente, moitos deles familiares do alumnado da Escola de Música.
Todos os asistentes disfrutaron dunha excelente xornada de entroido ao tempo que puideron comprobar os avances musicais dos nenos e nenas que forman parte deste centro de formación musical da parroquia de Salcedo.