A Escola de Música de Caldas busca profesor de guitarra

Umia
24 de setembro 2024

A praza, de tipo interino-temporal para este curso, cubrirase mediante concurso-oposición

Guitarra
Guitarra / Juan Mejuto

A Escola Municipal de Música de Caldas busca profesor de guitarra. 

O Concello da vila termal vén de publicar as bases do procedemento selectivo para cubrir a praza interina da especialidade con carácter temporal para este curso, dende o 1 de outubro ata o 30 de xuño, e crear ademais unha bolsa de persoas substitutas integrada polas candidatas coas seguintes mellores puntuacións finais ás da persoa adxudicataria.

O nomeamento do docente de guitarra realizarase para impartir as materias fundamentais de música segundo as necesidades da Escola, así como as da especialidade de guitarra durante 25 horas semanais en horario de tarde, o que supón o 67% da xornada legal establecida, a distribuír segundo as necesidades docentes cun salario mensual bruto que chega aos 1.700 euros.

Entre outras tarefas, o profesorado deberá ensinar teoría musical, habilidades auditivas, coñecementos e práctica musical de maneira efectiva mediante diferentes estratexias pedagóxicas que se adapten ás necesidades e estilos de aprendizaxe do alumnado; comunicarse co persoal académico, co alumnado e coas persoas responsables do alumnado, en caso de ser menores de idade; encargarse do mantemento dos instrumentos; proporcionar oportunidades para que os estudantes practiquen e se presenten en público ben a través de concertos ou similares; ademais de colaborar co resto do profesorado en actividades conxuntas, xa sexa en colaboración co Concello ou con outras entidades.

O sistema de elección será mediante concurso-oposición. A primeira fase, de concurso, realizarase de acordo co correspondente baremo en función da documentación achegada polas persoas aspirantes, e a segunda será unha proba práctica que consistirá na interpretación dunha obra ou movemento, sen acompañamento, a elixir pola persoa intérprete.

As persoas interesadas na praza deben presentar as súas solicitudes e os méritos puntuables fisicamente a través do Rexistro Xeral do Concello de Caldas ou ben de xeito telemático na sede electrónica nun prazo de cinco días naturais contados dende este martes.