Desde a súa inauguración o pasado 10 de xullo, e ata este martes 24 de setembro, un total de 14.700 persoas xa viron a exposición 'A era das fábulas', o que a converte na máis visitada da historia do Museo de Pontevedra. Non é a cifra definitiva de visitas porque a exposición seguirá aberta ata o 29 deste mes.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; o vicepresidente, Rafa Domínguez; e a directora do Museo, Ángeles Tilve, celebraron o éxito desta exposición de obras de arte pertencentes ás coleccións da Fundación María José Jove a TBA21 Thyssen-Bornemisza Art Contemporary e da propia entidade museística pontevedresa con autores como Maruja Mallo, Vasili Kandinski, Pablo Picasso, Fernand Léger, Joan Miró, Miquel Barceló, Luis Gordillo, Louise Bourgeois, Ernesto Neto, Menchu Lamas, Noa e Lara Castro ou Teresa Solar.
O presidente provincial destacou que, durante os 77 días que leva aberta, 'A era das fábulas' xa superou o récord rexistrado no ano 2022 por 'Ruth Matilda Anderson. Unha viaxe pola indumentaria tradicional de Galicia', que chegou a sumar un total de 14.402 persoas.
As outras exposicións con máis visitas foron: 'Galaicos. Un pobo entre dous mundos' (2019-2022), con 13.182 visitantes, 'Leopoldo Nóvoa 1919-2019' (2020) con 12.117 visitantes e 'Origami, de papel a obra de arte' (2021-2022) con 12.214 visitantes.
Como proba deste "feito histórico" Luis López sinalou que foi necesario ampliar as visitas guiadas e que 770 persoas participaron nas actividades organizadas polo Museo ao redor desta exposición.
Luis López agradeceu o traballo de Ángeles Tilve, do seu equipo e de todo o persoal que traballa nesta institución centenaria, así como a xestión de Rafa Domínguez nesta exposición, "que foi a máis ambiciosa das organizadas no Museo de Pontevedra" e que situou como "o primeiro paso para darlle ao Museo un impulso que situará a Pontevedra no epicentro cultural internacional".
"E por suposto, hai un plan de futuro que vai situar ao Museo noutro nivel", engadiu o presidente provincial en referencia a dous "retos ilusionantes" como son á recuperación da Bienal de Arte para o ano que vén e á incorporación do convento de Santa Clara, unha vez que o edificio sexa rehabilitado.
"E como isto vai de fábulas, na Deputación seguiremos sendo formigas e non cigarras, tartarugas e non lebres para seguir construíndo un Museo, unha cidade e unha provincia que van a máis", finalizou Luis López.
Pola súa banda, Rafa Domínguez expresou a "satisfacción" polo éxito alcanzado por 'A era das fábulas' e mostrouse convencido de que "seguro que va a superar en los próximos días los 15.000 visitantes".
Esta masiva resposta da cidadanía reafirma a convicción do vicepresidente de que "merece la pena invertir en Cultura, merece la pena trabajar por y para la Cultura".
Así, Rafa Domínguez informou que a licenza das obras de rehabilitación de Santa Clara está pendente da aprobación por parte do Concello de Pontevedra, que o expediente do proxecto de rehabilitación dos edificios históricos do Museo presentarase en Patrimonio a semana que vén "para que nos den el OK" e que a organización da Bienal de Arte de 2025 "avanza de una forma increíble".