Vilagarcía de Arousa. Esta é a última parada dos Festivais Rías Baixas. É a hora de Revenidas16. A localidade mariñeira de Vilaxóan acollerá os días 19, 20 e 21 de agosto a décimo terceira edición dun festival que, ano tras ano, foi crecendo sen perder o espírito veciñal e de confraternidade dos seus comezos. Iso si, agora xa convertido en toda unha referencia musical do verán nas Rías Baixas.
Moitas son as novidades deste festival Revenidas, que ofrecerá preto de corenta actividades gratuítas para todos os públicos. E, por suposto, moita música. Máis de trinta concertos en tres días nos que en Vilaxoán poderase escoitar cancións en galego, castelán, catalán, eúscaro, inglés, portugués, austriaco, ruso, romanés ou italiano. Un auténtico festival das linguas, como sinalan os seus organizadores.
O Festival das Linguas terá concertos no recinto de pago con bandas procedentes de Galicia, Asturias, Madrid, Valencia, Cataluña, Euskadi, Navarra, Brasil, Austria, Rusia, Romanía ou Italia. Unha combinación de sotaques e estilos musicais como o gipsy brass, balkan, groove, ska, punk, rock, funk, garage, rap, hip hop, dance hall, reggae, dub, polka, cumbia, latina, pop, fusión, folk ou electrónica.
O Escenario Mahou e o Escenario Festivais Rías Baixas acollerán destacadas bandas internacionais como o máis coñecido rapeiro e activista social do Brasil, Gabriel o Pensador, os italianos Talco, os austríacos de orixe rusa Russkaja e a banda máis importante de gipsy da actualidade Fanfare Ciocarlia. Entre os grupos españois destacan La Raíz, Aspencat, Itaca Band, Zoo, La Kimbala e Juantxo Skalari & La Rude Band.
Revenidas16 volverá ser o festival de pago que máis música en galego programa. Algunhas das mellores bandas galegas da actualidade presentarán novos traballos como Familia Caamagno, Malandrómeda, Cuchufellos e Os Tres Trebóns compartirán escenarios con novos grupos participantes do Concurso de Música Emerxente Revenidas. Ezetaerre da Coruña, deLombaos de Santiago e Os Vacalouras de Vigo estrearanse nun grande festival por primeira vez.
Os horarios destes concertos son:
VENRES 19
- 20.00 horas: Poetarras
- 20.50 horas: Brinkadelia Troupe
- 22.00 horas: Gabriel O Pensador
- 23.40 horas: Malandromeda
- 00.45 horas: Juantxo Skalari and Rude Band
- 02.00 horas: Itaca Band
- 03.25 horas: Familia Caamagno
- 04.30 horas: DJ Crebinsky
SÁBADO 20
- 21.00 horas: O Sonoro Maxín
- 22.00 horas: Fanfare Ciocarlia
- 23.30 horas: Falperrys
- 00.40 horas: Talco
- 02.10 horas: Aspencat
- 03.20 horas: La Kimbala
- 04.30 horas: DJ Pimp
DOMINGO 21
- 18.00 horas: Vacalouras
- 18.35 horas: Zoo
- 19.55 horas: Ezataerre
- 20.40 horas: Os Tres Trebóns
- 21.40 horas: Delombaos
- 22.25 horas: La Raíz
- 23.45 horas: Cuchufellos
- 01.10 horas: Russkaja
O venres abrirán os espazos do festival, o Parque de Dona Concha, as tres zonas de cámping, así como outros espazos situados no entorno do festival, con foodtrucks, recuncho Dub, photocall e moitas máis sopresas. O programa da Radio Galega A Tarde desprazarase ata Vilaxoán para realizar o programa en directo desde as 16 horas. Unha hora despois haberá unha intervención gráfica dentro da conmemoración do Ano Castelao.
O sábado a gastronomía será protagonista do festival. Un día grande en Vilaxoán coa Gran Sardiñada Popular Revenidas, que reunirá no Parque de Dona Concha a miles de persoas para degustar á sombra das arbores máis dunha tonelada de sardiñas elaboradas coa antiga receita revenidas, propia de Vilaxoán.
A Zona Mahou acollerá por primeira vez unha proposta gastronómica a cargo dos chefs Inés Abril e Alberto Gónzalez dos prestixiosos restaurantes con Estrella Michelín, Maruja Limón de Vigo e Silabario de Tui, respectivamente.
O sábado a partir das 14 horas presentarán unha proposta moderna e innovadora da sardiña revenida. As súas interpretacións da raíña gastronómica do festival poderánse degustar ata que se rematen as 500 racións e compartiranse co público asistente de balde.
Pola tarde a Gala Solidaria Refuxiad@s Revenidas de balde e aberta a todas as familias acollerá unhas divertidas e animadas actuacións co mestre de cerimonias Peter Punk que presentará as acrobacias de Kanbahiota: La Coguette, o premiado Javi Javichi e o seu espectáculo Veló como el rayo, o humor e complicidade de DJuggledy con Diábolo e o humor e a múisca do Musicólogo.
Ademais haberá obradoiros e actividades na Feira Revenida, na que se xuntarán artistas gráficos, editores, discográficas, coleccionismo, artesáns, deseñadores, xoieiros, ilustradores, libreiros, comercio xusto, asociacións culturais, organizacións políticas e creativos de moda e complementos. A Feira permanecerá aberta das 12 a 24 horas, o sábado e o domingo.
E o domingo terá lugar unha das novidades desta edición, o Xoubiñas Festi, con concertos e música para os e as pequerrechas das familias da man de Polo Correo do Vento, Chuches Amil, Mr. Cool, Bloquinho Aperta e os Títeres Crebanoces.