A Deputación rexeita o recurso de Amigas do Museo de Pontevedra contra a convocatoria da praza de dirección

Pontevedra
12 de abril 2019

A asociación AMUPo, que lidera Ernesto Vázquez-Rey, presentará un novo recurso ante os Xulgados do Contencioso-Administrativo de Pontevedra. Queren que os Tribunais se pronuncien sobre a autonomía do Museo de Pontevedra e a "ocupación ilegal" que, entenden, está a facer a Deputación provincial

Ernesto Vázquez-Rey, presidente de AMUPo (arquivo)
Ernesto Vázquez-Rey, presidente de AMUPo (arquivo) / Mónica Patxot

A Deputación provincial desestimou o recurso de reposición que a asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra (AMUPo) interpuxera contra a convocatoria da praza de dirección do Museo Provincial, tras o cesamento de Carlos Valle.

Tamén desestima a petición de suspensión do acto para cubrir o posto ao entender, entre outras cousas, que as bases contan con respaldo legal suficiente. Na resolución presidencial considérase que a situación xurídica actual do Museo, dependente da Deputación, permítelle a creación do cargo. Alega tamén que os requisitos das persoas aspirantes acomódanse á regulación, ao igual que as persoas que integran o órgano técnico de valoración da idoneidade teñen coñecementos suficientes e ampla experiencia no desenvolvemento deste tipo de procesos selectivos.

Desde AMUPo, o presidente Ernesto Vázquez-Rey lamenta a actitude da Deputación nun "asunto tan sensible" como é o da Dirección do Museo e entende que a Deputación só ofrece dous motivos para o rexeitamento do recurso. Por unha parte, entende que AMUPo carece de lexitimación suficiente para cuestionar o procedemento administrativo regulado. Unha cuestión que, segundo Vázquez-Rey, obvia as argumentacións xurídicas presentadas polo colectivo. E por outra parte que o Museo de Pontevedra é un Servizo da Deputación provincial, unha circunstancia que critica a asociación ao entender que a liquidación do Organismo Autónomo Local Museo de Pontevedra en 2012 se producía en fraude de lei, incumprindo os propios Estatutos do Museo, ao non comunicar esta situación á Consellería de Cultura, administración competente en materia de Museos, conforme á lei.

Ante esta resolución, AMUPo anuncia que iniciará nas vindeiras semanas o proceso para presentar un novo recurso ante os Xulgados do Contencioso-Administrativo de Pontevedra. Vázquez-Rey afirma que agardan que os Tribunais se pronuncien sobre o asunto de fondo, que para eles é a autonomía do Museo Provincial ante a "ocupación ilegal" que a Deputación está a desenvolver desde 2012.