A Deputación de Pontevedra, a través do programa ‘O Pasado Por Vir’ do departamento de Memoria Histórica, vai facer unha homenaxe á música represaliada e a artistas que padeceron a represión franquista.
A ‘Foliada de Memoria’ será unha festa interxeneracional que se celebrará o vindeiro sábado 2 de xullo no Souto de Chousa da Porta en Moneixas (Lalín), unha carballeira na que haberá actividades todo o día para todos os públicos e homenaxes non só ás vítimas relacionadas coa música tradicional, senón tamén os artistas que tomaron o relevo para que a música non deixase de soar.
A iniciativa foi explicada pola deputada de Memoria Histórica María Ortega e a presidenta Carmela Silva, na compaña da técnica provincial de Memoria Montse Fajardo.
Haberá homenaxes a gaiteiros asasinados como Constante Moreda, o gaiteiro de Cabral; Manuel del Río Mandayo ou José Gómez Avelaira; e a mulleres humilladas como as irmás cambadesas Pastora e Cándida Cordal, obrigadas a tocar a pandeireta e a bailar espidas no verán do 36 para castigar o compromiso do seu irmán Castor, sindicalista asasinado; á muller de Manuel del Río, Pilar Navieira Golán; á súa irmá Maruja del Río Mandayo e a súa nai, Dolores Mandayo Montero, que gardou para sempre a trenza cortada polos falanxistas.
A decisión de centralizar a festa en Lalín, explicou Ortega, é na honra dos Dezas de Moneixas, aquela agrupación que acompañaba nos mitins do Partido Galeguista a outro dos mártires galegos que tamén se quere homenaxear, Xesús Froiz. "Hoxe segue habendo Dezas de Moneixas, e iso foi outra das razóns fundamentais que nos levaron a escoller Lalín", sinalaba. A deputada de Memoria Histórica manifestaba tamén que "para nós é moi importante que sexa unha festa familiar, interxeracional, como a propia transmisión da memoria. E por iso, teremos actividades durante todo o día".
Carmela Silva fixo fincapé tamén na necesidade de "poñer no centro da acción política a recuperación da nosa memoria, que é o mesmo que recuperar a tantas persoas que tanto aportaron á nosa cultura, lingua, educación, e á construción dun mundo mellor onde se traballaba para que as persoas tiveran dereitos, para transformar un país que realmente precisaba ser transformado, e que todo foi desbotado co golpe de estado e a ditadura".
PROGRAMA DA ‘FOLIADA DE MEMORIA’
A foliada durará todo o día do sábado 2 de xullo. O programa comezará ás doce da mañá. O punto de encontro será o Campo da Festa de Moneixas e desde alí sairá unha alborada que percorrerá a parroquia en dirección ao souto onde será a foliada. Participarán nela catro agrupacións da comarca: os propios Dezas de Moneixas, Arco de Merza, Varacuncas e Pandereteiras de Botos.
Despois (12.30h) farase a primeira das homenaxes, conducida por Xurxo Souto, con presenza de familiares dalgúns dos gaiteiros asasinados e tamén de persoas que investigaron a súa historia como Manu Igrexas, Xerardo Fernández Santomé ou Alberte Pérez. A continuación, sobre a unha e media da tarde, comezará a sesión vermú coa agrupación de pandereteiras Bouba. "A idea é permanecer todo o día na foliada, polo que haberá polbeiro, venda de churrasco e empanada, rosquilleira, churros... Como nas festas de toda a vida!", adiantou María Ortega.
Haberá tamén unha mostra de creación de instrumentos e traxes tradicionais a cargo da asociación de gaiteiros e gaiteiras galegas; un espazo para crianzas con xogos populares mañá e tarde; obradoiros de canto e baile, conducidos por Enrique Viz e Marta Mouriño respectivamente. Tamén haberá unha sesión de monicreques a cargo da compañía Viravolta Títeres que porá en escena unha obra de Lorca: ‘A nena que regaba a alfabaca e o príncipe preguntón’, adaptada pola propia compañía.
Sobre as sete da tarde farase unha segunda homenaxe a aquelas persoas que recuperaron a tradición e posibilitaron que a semente dos Dezas de Moneixas seguise agromando ata o día de hoxe. Haberá familiares das persoas que integraron a formación orixinal: Dario, Ismael, María e José Benito González López, así como os seus curmáns Manoliño Laureano, Celso e Isaura. E tamén integrantes da que, xa nos anos 40 tomou o relevo: Manolo Troitiño e tamén Alfonso e Mario González Iglesias, fillos de Manoliño. Xunto a eles estaban Julio García e Manuel Lage, cuxas familias estarán presentes. Renderáselle especial homenaxe á agrupación actual e ás crianzas da escola, "que amosarán que a música que o fascismo quixo silenciar, aínda permanece", apuntou Ortega.
Por último, o especial fin de festa chegará da man de Bandaló!, que fará recordar como eran aquelas verbenas tradicionais dos anos 30.
No acto repartirase unha publicación explicativa que recollerá unhas breves liñas sobre as vítimas homenaxeadas.
Todo o programa poderá consultarse a través da páxina web da Deputación: https://arquivos.depo.gal/-/actividade-foliada-da-memoria
A xente interesada debe anotarse no mail do departamento de Memoria Histórica ([email protected]). Haberá autobuses para o traslado de persoas e grupos desde distintos puntos da provincia, cuxos percorridos marcaranse tendo en conta cales son os sitios dos que chegan as solicitudes.