A deputada de Lingua María Ortega deu conta este venres das actividades que organiza a Deputación de Pontevedra para celebrar oficialmente as Letras Galegas 2020. Será os vindeiros 21, 23 e 30 deste mes con actos no Museo de Pontevedra e na Sede da Deputación en Vigo nos que se fará un percorrido pola figura do homenaxeado Carvalho Calero con poesía, música e erotismo.
O vindeiro mércores 21 ás 20 horas haberá un concerto do grupo Xardín Desordenado. O integrante da banda Isaac Garabatos explicou que levan unha década musicando poetas, polo que a oferta desta xornada centrarase no descubrimento do sentido poético de Calvalho Calero, ao que cualificou como "directo e emocionante", e arredor do que se tratarán dende temas trascendentais ata a súa relación co seu Ferrol natal e incluso "as reunións entre colegas".
O seguinte evento será o venres 23 na Sede da Deputación en Vigo ás, onde se presentará o libro 'Carvalho Calero sem Fronteiras', de Aser Álvarez. O propio autor explicou na rolda de prensa de presentación da programación que trátase dun libro no que se recollen os textos, imaxes e a propia visión de Calero, un percorrido pola vida do autor, "un home que foi un resistente ata o final dos seus días".
Pola súa parte, Elvira Jardón, integrante do colectivo 'O fruto e a serpe' explicou o espectáculo que se desenvolverá no Museo de Pontevedra o venres 30 de outubro ás 20 horas que consistirá nun diálogo entre dúas poetas mulleres actuais e a voz que Carvalho Calero adoptaba falando como muller e poñéndose na súa pel.
"Inicialmente centrámonos na súa parte erótica, porque Calero é un dos grandes representantes da poesía erótica galega. Isto vai máis alá do erótico, xa que el fala como unha muller, algo innovador no seu tempo, sen prexuízos, intentando pensar como pensamos nós sobre o corpo e as relacións", explicou Jardón.
Os convites para poder participar nos actos das Letras Galegas, que deberán incluír nome e teléfono de contacto das persoas asistentes, terán que solicitarse nos dous días previos á actividade no correo [email protected], (máximo dous por mail).
Dadas as restricións obrigadas pola COVID-19 o aforo estará limitado a únicamente 30 persoas por acto, cubríndose as prazas por estrito orde de chegada.