As circunstancias sanitarias obrigaron a modificar o programa de reactivación cultural da Deputación de Pontevedra. É o caso da iniciativa denominada "Prendendo butacas", destinada aos espectáculos teatrais que tivo que "reinventarse" debido ás dificultades existentes para levar a cabo eventos presenciais
Segundo explicou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, "en lugar de ser presencial e co ánimo de manter os recursos para que a xente da Cultura poida seguir vivindo imos facer un programa en formato virtual".
É dicir, a Deputación de Pontevedra propón a súa particular versión de "Estudo 1" aquel programa producido por Televisión Española, que comezou a emitirse o 6 de outubro de 1965 ata 1984 e que consistía na representación televisada dunha obra de teatro.
Así, a iniciativa pasa a denominarse " Prendendo butacas na casa" e as compañías que participan van gravar as súas funcións e deixarán o vídeo ao dispor da administración provincial para que as difunda en streaming desde a súa páxina web en "un programa en Nadal".
Serán ocho actuacións que se emitirán desde o 24 de decembro ao 3 de xaneiro
Serán oito actuacións que se emitirán desde o 24 de decembro ao 3 de xaneiro e estarán "24 horas dispoñibles cada unha a través da web da Deputación".
En concreto, a compañía Cooperactiva representará 'Rosalía' o 24 de decembro; o grupo Butaca Zero coa obra ' Camiños' o 25 de decembro; 'O mel non caduca', a cargo de Ibuprofeno Teatro, o 26 de decembro; A Feroz poñerá en escena 'Afterparty' o 27 de decembro; Baobab Teatro actuará coa función titulada 'Fíos' o 30 de decembro; Viravolta Títeres ofrecerá 'A maleta de don Attilio' o 31 de decembro; Tanxarina Títeres actuará con 'A galiña azul' o 2 de xaneiro; Educa Teatro representará 'Os tres porquiños o tres de xaneiro.
"Así que non imos apagar as luces, senón que levamos o teatro ás casas das máis de 950.000 persoas que viven na nosa provincia, que non terán necesidade de desprazarse", remarcou a presidenta.
PONTEVEDRA ESTUDIO DE CINEMA
Nesta mesma rolda de prensa Carmela Silva tamén anunciou que a Deputación de Pontevedra lanza unha liña específica de apoio ao sector da Cultura denominada "Pontevedra estudio de cinema" cun novo marco de patrocinios para producións audiovisuais nesta provincia.
Este ano a Deputación de Pontevedra vai colaborar con catro películas que foron gravadas na provincia, son: 'Nación', dirixida por Margarita Ledo; '9 fugas', unha película de ficción do director Fon Cortizo; 'Negro púrpura', unha longametraxe documental da produtora Illa Bufarda e 'Devolvendo o golpe', un documental curto dirixido por Carlos Pampín.
"Seguimos apoiando a cultura feita en Galicia e na nosa provincia", destacou a presidenta, Carmela Silva.