A Deputación lanza dúas residencias artísticas e reflexiona sobre a igualdade de xénero en todas as disciplinas do deseño

Pontevedra
17 de outubro 2022

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este luns en rolda de prensa os programas "ConectaLab", "DepoCrea" e "Transitar o impensable"

Presentación dos programas "ConectaLab", "DepoCrea" y "Transitar o impensable"
Presentación dos programas "ConectaLab", "DepoCrea" y "Transitar o impensable" / Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este luns en rolda de prensa os programas "ConectaLab", "DepoCrea" e "Transitar o impensable". Carmela Silva destacou que son "tres proxectos transformadores que fan da provincia un referente apostando pola cultura e promovendo que moita xente creadora teña espazo para desenvolver o seu talento".

A primeira proposta é a denominada Conecta Lab, trátase dunha iniciativa cultural, que proxecta un centro de 'networking' e residencia artística para creadores audiovisuais na illa de San Simón. Recentemente acaba de recibir unha subvención europea de máis de 180.000 euros.

Esta iniciativa, que desenvolve a asociación CREA (Asociación galega de profesionais da dirección e realización) co apoio da Deputación de Pontevedra, recibiu apoio na convocatoria da Dirección Xeral do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais nas axudas correspondentes a laboratorios e incubadora de creación e desenvolvemento de proxectos.

Carmela Silva sinalou ao Conecta Lab como unha oportunidade para desenvolver a industria cinematográfica da provincia e aproveitar todo o seu potencial, algo no que tamén está a traballar Pontevedra Film Commission. 

Agora o Conecta Lab, co apoio da Deputación de Pontevedra, intensifica o labor de acompañamento e promoción de proxectos e creadores audiovisuais, convertendo o que era unha consultoría creativa nun centro artístico residencia a modo de laboratorio creativo baseado nun espazo moi especial, a Illa de San Simón.

Conecta comezará en novembro, cunha clase maxistral e a selección de proxectos que participarán en Conecta Lab, que terá lugar en abril de 2023 e que se presenta como unha residencia artística de dez días nos que os participantes terán a oportunidade de traballar nos seus propios proxectos e profundar en aspectos artísticos e narrativos titorizados por profesionais cunha dilatada experiencia, ademais de poder asistir a clases maxistrais. 

O presidente da asociación CREA, Fon Cortizo sinalou que "seleccionaremos 6 proxectos, que contará cun mínimo do 50% de proxectos creados por mulleres e un mínimo do 50% de proxectos creados por residentes en Galicia". As inscricións están abertas ata o 7 de novembro.

#DEPOCREA

Outra das iniciativas que presentou este luns a presidenta da Deputación de Pontevedra é a chamada #DepoCrea. Trátase dun programa que concede seis bolsas de residencias artísticas vinculadas á provincia, desenvolto en colaboración co Náutico de San Vicente, que promove espazos diferenciais para a creación contemporánea "nunha contorna única que aposta polo sostible e o próximo, onde natureza, cultura e cidadanía mestúranse en perfecta simbiose".

Con artistas de todas as disciplinas, esta residencia compartida pretende ser un laboratorio creativo, onde os creadores interaccionan entre si e coa contorna máis inmediata, mentres desenvolven os seus proxectos de pintura, escultura, debuxo, instalación, vídeo ou fotografía.

Carmela Silva incidiu en que a Deputación de Pontevedra aposta por desestacionalizar, por reordenar e redescubrir, polo que desenvolverá as residencias nos meses de outubro e novembro, para achegar artistas de Galicia e do exterior a un territorio que muda a pel fóra dos meses do verán: San Vicente do Mar.

Pola súa banda, o propietario de El Náutico de San Vicente, Miguel de la Cierva, afirmou que "é unha iniciativa propiamente dita da Deputación, o Náutico é só o contenedor, aínda que sempre tiven en mente ampliar as residencias musicais a outros ámbitos. Este proxecto axudaranos a desestacionalizar a temporada de inverno".

O período de residencia comprenderá do 28 de outubro ao 11 de novembro e para o 12 de novembro está previsto o acto de presentación dos resultados.

'TRANSITAR O IMPENSABLE'

Os próximos días 21 e 22 de outubro a cidade de Pontevedra acollerá o décimo Encontro Nacional de Deseño, unha cita anual na que o sector traballa a nivel teórico e práctico e que, nesta ocasión, centrarase no lema 'Cidades imaxinadas, cidades deseñadas'. 

O congreso traerá tamén á cidade actividades complementarias como a instalación participativa 'Transitar o impensable', un programa configurado ao redor da perspectiva de xénero que contará cun triángulo negro na avenida de Montero Ríos co obxectivo de manter un diálogo aberto e participativo coa cuidadanía sobre o trinomio cidade-feminismo-deseño a través de diferentes intervencións nas tamén participarán estudantes de Belas Artes, Moda, Publicidade, Forestais do campus de Pontevedra. Terá actividades ata o 25 de novembro da man da Deputación Provincial.

Segundo explicou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, 'Transitar o impensable' é unha acción coordinada por Mari Carmen Esteban e Raquel Boo de Gráficas en Negro (GEN), un proxecto que traballa pola igualdade de xénero en todas as disciplinas do deseño e por lograr o seu alcance en todos os ámbitos da profesión: contorna laboral, procesos de traballo, transmisión de mensaxes, referentes profesionais, entre outros.

Raquel Boo, portavoz do GEN detallou que "terá lugar nun espazo efémero, con forma de triángulo de cor negra na avenida de Montero Ríos, no exterior do Pazo, que inauguraremos este venres" e engadiu que "reflexionaremos sobre as problemáticas que se dan na relación cidade, feminismo e deseño".

GEN expón dous partes para o desenvolvemento da súa mesa no marco deste Encontro Nacional. Na primeira, os distintos comités do colectivo presentarán as accións e os resultados das iniciativas traballadas durante este último ano para unha posta en común. 

Na segunda, abrirase un debate sobre as boas prácticas no deseño baixo a perspectiva de xénero. O obxectivo é determinar os parámetros que as identifican, clasifican e definen tanto transversal como especificamente.

Entre os proxectos activos destacan: #WikiGEN, cuxo obxectivo é dar visibilidade e poñer en valor a aquelas deseñadoras que pola súa traxectoria e méritos profesionais deben estar en Wikipedia, a maior fonte de consulta do mundo; e #GuíaGEN, que ten como misión xerar un documento útil para integrar a perspectiva de xénero no sector do deseño. Ademais, GEN realiza labores de investigación, debate, divulgación e sensibilización ao longo do ano, facendo especial fincapé nas datas 8 de marzo (día da muller) e 25 de novembro (día internacional contra a violencia de xénero).