A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva presentou este venres "Aviventa Cultura", o nome co que se da a coñecer a programación cultural para este ano que deseñou a institución provincial. "Queremos reanimar, fortalecer, protexer, incentivar a cultura, que foi o noso refuxio. Este ano é o ano de apoiar máis que nunca as persoas que a fan posible e participan dela", destacou a presidenta.
Segundo dixo Carmela Silva en rolda de prensa, "imos alentar a cultura sendo cómplices da creación, impulsar as persoas profesionais, verter novas olladas sobre o noso patrimonio e territorio, fortalecer o tecido cultural e dar a posibilidade de gozar da cultura".
Carmela Silva sinalou a inversión que fará a Deputación no tecido asociativo e profesional mediante os programas xa asentados como son o "Pontegal", que abre o catálogo de grupos para que as asociacións soliciten actuacións para os seus eventos durante todo o ano, ou o programa "Musigal" con 55 concertos incluídos. O primeiro, Pontegal, ten un orzamento de 600.000 euros e o Musigal 500.000 euros.
Outros 480.000 euros adicaranse a axudas a entidades sen fins de lucro para actividades culturais, para o apoio e desenvolvemento de festivais audiovisuais, para o desenvolvemento de festivais musicais e de artes escénicas e axudas a escolas de música dependentes de asociacións sen ánimo de lucro.
Hai outros 315.000 euros adicado á "Aviventa Música" coas ciclo de concertos "Música no Ar", o apoio ao circuito das 7 citas musicais dos "Festivais Rías Baixas Fest" e o programa para dar visibilidade ás mulleres na industria musical "Descúbre-as".
A programación cultural da Deputación contempla un apartado co nome "Aviventa Patrimonio" con 246.000 euros de orzamento. Son accións coma "Tras as Ameas", con actividades culturais nos castelos de Soutomaior e Sobroso para os meses de xuño a outubro, cunha morea de cores e historias para familias. "Historias Cavadas", visitas escenificadas aos castros musealizados da provincia. "Rutas de Arquitectura", con percorridos por varias comarcas da provincia guiados por profesionais para compartir experiencias e saber a través dos edificios e construcións máis senlleiras. E finalmente a "Musealización do castelo de Sobroso" coa modernización e posta en valor do castelo como ben do Patrimonio histórico cultural.
"Aviventa Teatro" destina 80.000 euros para "Tornar ás Táboas" nunha aposta polas artes escénicas e as compañías profesionais da provincia. Unha programación específica de teatro para encamiñar unha volta aos espazos culturais dos 51 concellos da provincia con menos de 20.000 habitantes. E a proposta "Aviventa Escrita" prevé 25.000 euros para a segunda edición da Escola de Letras e os Roteiros literarios polos concellos da provincia.
Baixo o nome de "Aviventa Cinema" se destinan 155.000 euros aos Rías Baixas Film Fest que son o Festival de Cans (O Porriño), Play Doc (Tui), FicBueu (Bueu) Festival de Cine Inclusivo, (Vigo), Primavera de Cine (Vigo), Curtas Festival do Imaxinario (Vilagarcía de Arousa), Curtas Armadiña (Poio), Novos Cinemas (Pontevedra), Galician Freaky Film Fest (Vigo).
Ademáis Carmela Silva sinalou que dende a Deputación de Pontevedra "promocionamos os festivais da provincia e aglutinámolos baixo unha marca de identidade corporativa coa que lanzar unha campaña de difusión con varias accións", entre elas: A Depo en Ruta polos festivais; De feira en feira; Que non che conten a película!; e #EuSonRíasBaixasFilmFest.
Un apartado especial nesta programación cultural é o adicado á "Nosa Lingua", cun orzamento de 27.500 euros que se invisten en accións para festexar e promocionar a Iingua máis alá das Letras Galegas.
Outro dos capítulos desta programación é o destinado á "arte, artesanía e historia, exposicións itinerantes" cun orzamento de 30.000 euros, que se destina a mostras coma "Tecendo a natureza. Enrique Táboas" de cestería tradicional en madeira; "Vento nas velas" con fotografías de embarcacións tradicionais realizadas por Xurxo Lobato; "O imaxinario do país. Letras de magnesio", retratos dos escritores galegos realizadas por Anxo Cabada; "Cines de Pontevedra. Memorias dunha ilusión".
Baixo o epígrafe "Aviventa nas datas culturais" esta programación inclúe o Día de Rosalía (24 febreiro), o Día da Poesía (21 de marzo), o Día doTeatro (27 de marzo), o Día do Libro (23 de abril), o Día da Danza (29 de marzo), o Centenario do falecemento de Emilia Pardo Bazán, o Día das Letras Galegas (17 de maio), o Día da Música (21 de xuño) e o Día do Cinema (6 de outubro).
No denominado "Aviventa a Comunidade Cultural", cun orzamento de 85.000 euros, figura o Culturgal coa participación da Deputación de Pontevedra na Feira das Industrias Culturais de Galicia. Tamén están as Feiras do Libro 2021 (Redondela, O Porriño, Ponteareas e Vigo), a organización do Premio Otero Pedrayo; os Premios Mulleres no Foco; os Premios María Luz Morales de Ensaio e Vídeo-Ensaio sobre o Audiovisual; e a colaboración cos Premios Martín Códax da Música Galega.
Ademáis se contemplan uns 83.000 euros para colaborar coa Fundación Laxeiro, a Fundación Marco, o Museo do Pobo Galego e a Fundación Rosalía de Castro.
A presidenta tamén detallou que "facemos cultura desde outros servizos" cun orzamento de 2,7 millóns de euros destinados ao apoio á dinamización da lingua galega co fin de potenciar o uso deste idioma nas actividades que organicen os concellos e as entidades sociais; a aposta pola creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística dos concellos; a colaboración para a publicación en formato papel e edicións audiovisuais, mixtas e noutros formatos especiais coma braille de traballos en lingua galega; a a posta pola recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo fluvial na provincia de Pontevedra; pola recuperación e á rehabilitación do patrimonio histórico-cultural da provincia; a musealización dos xacementos da Subidá en Marín, Toiriz en Silleda y Alobre en Vilagarcía de Arousa dentro do marco do proxecto de posta en valor dos xacementos galaico-romanos da provincia de Pontevedra; o desenvolvemento de contidos divulgativos e pedagóxicos dos xacementos xa musealizados e a posta en valor do patrimonio da Idade de Ferro da provincia en colaboración co CSIC.
Nesta extensa relación Carmela Silva tamén citou o apoio aos eventos con recoñecemento internacional do patrimonio inmaterial; a promoción cultural desenvolvida desde o Museo de Pontevedra; o Certame Novos Valores de Artes Plásticas, para impulsar as persoas artistas galegas ou aquelas que residan en Galicia (persoas dedicadas á pintura, escultura, fotografía, cerámica, deseño e gravado); os Premios Provinciais á Xuventude co ánimo de promover o talento e o potencial das mozas e mozos da nosa provincia; a iniciativa DepoRúARTE, actividades educativas e de lecer, que reforcen a conciencia pública do colectivo xuvenil da provincia de Pontevedra, onde ofrecerlle un espazo de encontro cultural e mesmo Mulleres en acción. Violencia zero. Un proxecto de acción artística co fin de reivindicar a igualdade de xénero.