A Deputación homenaxea o debuxante Xaquín Marín coa publicación de "Gaspariño XXI"

Pontevedra
01 de xullo 2023

A presentación tivo lugar no Arquivo Provincial, e correu a cargo da deputada de Patrimonio Documental e Bibliográfico María Ortega, o coordinador da publicación Kiko da Silva, o propio Xaquín Marín, e o seu fillo Alexandre, comisario das súas exposicións antolóxicas

A Deputación de Pontevedra homenaxea ao debuxante Xaquín Marín coa publicación de "Gaspariño XXI"
A Deputación de Pontevedra homenaxea ao debuxante Xaquín Marín coa publicación de "Gaspariño XXI"

A Deputación de Pontevedra presentou "Gaspariño XXI. Unha homenaxe a Xaquín Marín", unha publicación elaborada polo alumnado da escola de cómic O Garaxe Hermético, que actualiza as tiras e os textos orixinais do autor. A portada desta publicación foi elaborada por Miguel Anxo Prado.

A presentación tivo lugar este venres no Arquivo provincial, e correu a cargo da deputada de Patrimonio Documental e Bibliográfico María Ortega, o coordinador da publicación Kiko da Silva, o propio Xaquín Marín, e o seu fillo Alexandre, comisario das súas exposicións antolóxicas.

Na súa intervención, María Ortega destacou que o debuxante Xaquín Marín "foi dos primeiros en reivindicar o galego nas súas tiras, un militante do país que defendía os valores do noso pobo".

Kiko da Silva indicou que a publicación é unha reivindicación do personaxe de Gaspariño dos anos 70, pero tamén dos problemas que segue tendo Galicia. "Son os mesmos gags de entón pero debuxados con aspectos de hoxe en día" xa que falan de cuestións como a falta de traballo, a emigración ou os eólicos, entre outros asuntos.

Da Silva explicou que o libro naceu no confinamento como unha proposta de traballo colectivo semellante a outros que se fixeron con O Garaxe Hermético, pero coa dificultade de non poder coordinarse da maneira habitual. 

O propio autor e protagonista da presentación, Xaquín Marín, agradeceu o traballo feito e explicou que "a miña vida foi debuxar e aínda sigo facendo tiras de humor despois de 60 anos".

Finalmente, a deputada María Ortega quixo aproveitar a última intervención como responsable de Patrimonio Documental e Bibliográfico para agradecer todo o traballo realizado polo persoal do servizo neste últimos catro anos.