A Deputación destinará 300.000 euros ao Rías Baixas Film Fest e aos festivais de música e artes escénicas

Pontevedra
13 de febreiro 2021

A Deputación de Pontevedra destinará 300.000 euros de axudas aos festivais musicais e de artes escénicas integrados na marca 'Rías Baixas Film Fest', a marca dos festivais audiovisuais provinciais. Segundo a presidenta Carmela Silva, esta subvención mostra a aposta do goberno provincial por un sector estratéxico e prioritario como é a cultura para o que "non imos recortar un só euro"

Carmela Silva, presidenta da Deputación
Carmela Silva, presidenta da Deputación / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra destinará 300.000 euros de axudas aos festivais musicais e de artes escénicas integrados na marca 'Rías Baixas Film Fest', a marca dos festivais audiovisuais provinciais.

Segundo a presidenta Carmela Silva, esta subvención mostra a aposta do goberno provincial por un sector estratéxico e prioritario como é a cultura para o que "non imos recortar un só euro".

As bases aprobadas esta semana para o Rías Baixas Film Fest foron "acordadas co sector", vendo incrementado o investimento ata os 150.000 euros, 20.000 máis que en 2020.

Para optar ás axudas os festivais deberán ter unha duración mínima de catro xornadas e realizar un mínimo de vinte proxeccións. Tamén teñen que incluír na súa programación a proxección de, como mínimo, cinco sesións ou un 10 % de títulos de produción cinematográfica ou de dirección galegas. Finalmente, será necesario que leven un mínimo de catro edicións consecutivas (sen ter en conta 2020).

Durante a reunión, a presidenta da Deputación lembrou que a marca Rías Baixas Film Fest é unha "grande referencia na provincia, posto que ten moitas oportunidades para que se desenvolva un gran proxecto que xere actividade económica e emprego ligado ao audiovisual".

Os festivais que se encontran baixo esta marca son o FIC Bueu, Novos Cinemas de Pontevedra, Festival de Cans do Porriño, Play-Doc de Tui, Galician Freaky Film de Vigo, Primavera de Cine de Vigo, Curtas Festival do imaxinario de Vilagarcía, Festival de Cine Inclusivo de Vigo e o Curtas Armadiña.

Tamén está o programa de mecenado 'Plató de Cinema', co que xa se financiaron películas como 'Nación', de Margarida Ledo, '9 fugas', de Fon Cortizo, 'Negro púrpura', de Adriana Villanueva e Sabela Iglesias, e 'Devolvendo o Golpe', de Carlos Prado. Anteriormente a Deputación tamén axudou economicamente a producións como 'A estación violenta', 'Trote', 'Longa noite', 'María Solinha' ou 'Ons'. Ademais, coa mirada posta nas mulleres do audiovisual naceron os Premios #Mulleresnofoco para incentivar o talento, traxectoria e perfís con perspectiva de xénero.

Por último, os festivais musicais e de artes escénicas contarán este ano cunha partida de 150.000 euros. Grazas a esta achega provincial, o ano pasado leváronse a cabo a Festa Folc de Vilariño en Cangas, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, o Festival Rock in Río Tea en Ponteareas, o IKFEM na Eurocidade Tui-Valença, o Festival Alternativo Millo Verde de Redondela, o Festival Internacional de Títeres de Redondela, o Vilablues Festival Internacional de Blues de Tomiño, o Revoltallo de (Cultura e) Música Emerxente en Vigo, o Festival Canteira Fest 2020 en Vilaboa e o Canjazz– XXIII Festival Internacional de Jazz de Cangas.