O deputado de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, anunciou este luns nunha reunión cos concellos da provincia que o 2018 será "o Ano da Lingua" no que a primeira cita para poñer en valor os programas de promoción do galego será a próxima edición do Culturgal, que se celebrará no Pazo da Cultura de Pontevedra entre os días 1 e 3 de decembro.
Do mesmo xeito que nos anos anteriores, a Deputación volverá poñer a disposición dos municipios da provincia o seu posto institucional, nesta ocasión para difundir as súas iniciativas e programas relativos á promoción da lingua.
O posto institucional da Deputación, que funciona como unha "praza", contará cunha zona de mostrador para expoñer materiais impresos, unha zona para proxección de audiovisuais, outra zona para publicacións, e un espazo para realizar "micropresentacións de 5 minutos cada unha" de iniciativas culturais por parte dos concellos.
Hai que lembrar que no ano 2015 foron 33 os municipios participantes, aumentando a 35 no ano 2016.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións, Xosé Leal fixo especial fincapé en que quedarán excluídos do posto institucional os eventos e citas relacionadas coa gastronomía e as ofertas e guías turísticas, por non axustarse aos obxectivos da feira.
Xosé Leal tamén indicou que para o 2018 "introduciremos algunhas novidades" no apoio económico que se presta aos concellos desde o ente provincial para que sigan desenvolvendo accións encamiñadas a dinamizar o galego.
O deputado nacionalista explicou que se aproveitarán cuestións como que o Día das Letras Galegas estea dedicado á escritora María Victoria Moreno para potenciar o uso do galego nun dos sectores onde ten máis problemas á hora de entrar, como é o público infantil e xuvenil.