A Deputación dará a coñecer a figura de Florencio Delgado Gurriarán con actividades para todas as idades

Pontevedra
04 de maio 2022

Os departamentos de Lingua e Memoria Histórica levarán a 35 concellos un espectáculo para crianzas e editarán unha banda deseñada para xente moza sobre a vida e obra do autor 

Deputación de Pontevedra
Deputación de Pontevedra / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra xa ten pechada a programación das Letras Galegas 2022 para homenaxear a figura de Florencio Delgado Gurriarán con actividades destinadas a todos os públicos. María Ortega, deputada de Lingua e Memoria Histórica, considera que o autor “é un exemplo de compromiso co país e de loita mesmo nas peores circunstancias”.

Na planificación das actividades participan as áreas de Memoria e Lingua de maneira coordinada porque “achegarnos a Florencio é un modo de achegarnos a aquela xeración do pasado por vir que quería unha Galiza distinta máis próspera e máis libre. E tamén é achegarnos á literatura do exilio, destacando que na súa obra ademais de gabar o país, denunciou a barbarie do fascismo e nos deu a coñecer o que significaba ser exiliado”, explica a nacionalista.

Para chegar con esta mensaxe a cada público utilizaranse distintas linguaxes: Haberá actos centrais en Vigo (público familiar) e Pontevedra (adulto) os días 11 e 12 de maio, tamén obras teatralizadas para crianzas que se levarán a 35 concellos da provincia, editouse unha banda deseñada sobre a figura destinada á xente moza, e tamén se distribuirán títulos propios do autor para dar a coñecer a súa obra entre os centros de ensino e as bibliotecas e puntos de lectura.

O primeiro acto aberto ao público (Vigo, sede provincial da Deputación, mércores 11 ás 19 horas) é o espectáculo ‘Coa ledicia de voltar’, de Serafín Marcos, onde o autor noiés fai un percorrido pola vida do autor a través da súa poesía levando ás persoas asistentes dende o Valdeorras natal ata México co humor característico das súas montaxes.  

O segundo acto aberto ao público será o mércores 12, ás 19 horas no Pazo Provincial de Pontevedra baixo o título ‘O retorno de Florencio Delgado Gurriarán’. Será unha mesa redonda conducida por Silvana Moril na que intervirán o biógrafo do homenaxeado, Ricardo Gurriarán, o escritor e profesor de Lingua e Literatura Miro Villar e a escritora, investigadora e tradutora Tamara Andrés.

Haberá intervención musical de Sheila Patricia, que interpretará pezas baseadas en poemas do homenaxeado. 

Para asistir a ámbolos dous actos está aberta inscrición de público na páxina web da Deputación. As prazas outorgaranse por orde de solicitude ata completar capacidade.

Da man de ‘Polo Correo do Vento’ levarase a 35 concellos da provincia totalmente de balde unha actividade que, de xeito ameno e participativo, achegue a figura do homenaxeado como exemplo de amor á terra e mantemento da loita polos ideas.

Para xente moza, a editorial do Servizo de Publicacións da Deputación vén de publicar unha obra de banda deseñada realizada por alumnado de ’O Garaxe Hermético’ e coordinada por Kiko da Silva. Será distribuída entre os centros de ensino da provincia.

Arquivado en