A Deputación celebra o Día do Libro cun espectáculo de contacontos e actividades de divulgación da lectura

Pontevedra
23 de abril 2024

O vestíbulo do Pazo provincial foi decorado con estantes cheos de libros, contos e ilustracións infantís, así como coxíns no chan onde sentaron os nenos para desfrutar das historias de Caxoto e do ilustrador Marc Taeger, que interpretaron a dous simpáticos pintores que encheron de risas e cor a sede institucional

A Deputación celebra o Día do Libro / Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra celebrou este martes 23 de abril, o Día do Libro cun espectáculo de contacontos ao que asistiron escolares de primeiro ciclo de Primaria do colexio Froebel desta capital.

O vestíbulo do Pazo provincial foi decorado con estantes cheos de libros, contos e ilustracións infantís, así como coxíns no chan onde sentaron os nenos para desfrutar das historias de Caxoto e do ilustrador Marc Taeger, que interpretaron a dous simpáticos pintores que encheron de risas e cor a sede institucional. 

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, animou a descubrir "os segredos que agochan os contos". "Cando sexades maiores ídesvos lembrar sempre do primeiro libro que lestes", díxolles aos escolares.

López recomendou dous libros moi especiais elixidos polos seus fillos: "Adivina cuánto te quiero" e "Fiz, o coleccionista de medos". Tamén o deputado de Cultura Jorge Cubela realizou a súa achega animando a ler "A Galiña Azul", de Carlos Casares. 

Cubela puxo en valor a importancia das librarías como eses "espazos tan bonitos cheos de historias e aventuras".

A Deputación complementa este acto coa posta a disposición da cidadanía da provincia dun espazo na páxina web do organismo provincial cos mellores libros infantís que recomendan as editoriais de Galicia, así como unha actividade titulada "Crea o teu primeiro libro" para que os máis pequenos da casa xoguen a ser escritores e a escribir as súas primeiras historias.

"A Deputación é a casa de todos os pontevedreses e pontevedresas, pero tamén é a casa dos libros", concluíu Luis López para explicar á cativada para que serve a Deputación de Pontevedra.

Ademais, a xornada rematou cunha lectura conxunta dunhas pasaxes dos libros favoritos do alumnado.