No vestíbulo do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra inaugurouse este luns a exposición 'Cines de Pontevedra' que recupera testemuños da importancia social e cultural que tiña ir ao cine, desde os espazos e arquitecturas que foron acollendo o espectáculo ao conxunto de actividades, prácticas sociais e relacións artelladas nos tempos en que o cine era a principal forma de ocio e tamén a máis barata.
A exposición recolle restos materiais das vellas salas, documentos de arquivo e tamén as vivencias arredor do espectáculo do cine que subsisten na memoria e nos recordos das últimas xeracións que coñeceron aqueles tempos.
Diante do dominio que teñen hoxe os complexos multisala nos centros comerciais, pódese considerar que a etapa dos vellos cines, aqueles de sala única que se espallaron ao longo do século XX polas cidades, vilas e pobos da provincia, pertence xa, salvo contadas excepcións, ao pasado.
Segundo destaca esta exposición, os primeiros pases do cinematógrafo na provincia tiveron lugar en catro sesións da noite do 17 de abril de 1897 no Teatro do Liceo de Pontevedra. O modernísimo aparato, patentado polos Lumière, presentouse acompañado dunha orquestra polos empresarios portugueses Marques e Azevedo, procedentes de Lisboa e do Porto.
Máis tarde, a partir do 29 de abril, os mesmos empresarios trasladaron as sesións ao Teatro-Circo Tamberlick, en Vigo, e, desde o 13 de maio, ao Teatro Principal, en Tui.
CINES E MODERNIDADE
Tamén lembra esta exposición que conseguir unha arquitectura específica para os cinemas, que os distinguise dos teatros e dos salóns de variedades, fíxose esperar ata finais dos anos dez do século XX. O eclecticismo e o art nouveau combináronse para darlles aos cinematógrafos unha imaxe atractiva e sobresaínte fronte á das vivendas e dos edificios comerciais das principais cidades. Co art déco e co racionalismo dos anos vinte e trinta chegaron novos recursos formais para consolidar a asociación entre cine e modernidade.
Nas décadas anteriores á Guerra Civil os bailes eran dos pasatempos favoritos, polo que moitas salas de cine servían como salóns de baile ao retirar as butacas e librar a platea.
A IDADE DE OURO DOS CINES (1948-1965)
Superados os anos de fame e as privacións da posguerra, o cine converteuse na actividade de ocio máis barata e popular na España do franquismo, tal e como recolle esta mostra.
Nos anos de maior asistencia ao cine, en 1967, estaban censadas 101 salas na provincia de Pontevedra. Entre todas sumaban 38.675 butacas, con capacidade para acoller os 4.227.701 espectadores que aquel ano pagaron un prezo medio de 14,66 pesetas (menos de 10 céntimos de euro) por película.
As películas de Joselito, Sara Montiel e Marisol eran un éxito asegurado.
Como comparación cos últimos datos de 2018, a cifra reduciuse a 1.532.141 espectadores, que pagaron un prezo medio de 6 euros por entrada.
Fronte ao esmagador predominio dos multicines na provincia de Pontevedra (58 pantallas en salas comerciais funcionando en 2021), só continúan a súa actividade dous cines de sala única: o Cine Seixo de Marín e o Cine Imperial de Nigrán. Ademais, serían as últimas salas que permanecen das 99 que existían na provincia en 1968, os últimos representantes daqueles anos dourados do cine.