"Nunha reunión familiar, catro irmáns deben tomar unha decisión e non todos están dacordo". Así é a sinopse da curta 'Antes de que se poña o sol' da que pouco máis se pode revelar. A curta fala dos conflitos familiares entre os pais e os fillos adultos e poderémola ver na súa estrea, este venres 30 ás 20:30 horas o Teatro Principal de Pontevedra.
'Antes de que se poña o sol' é unha curtametraxe escrita e dirixida por Nani Matos. Rodouse na parroquia de Rebordáns en Negreira en setembro de 2022 e conta cun elenco formado por Mela Casal, Victoria Teijeiro, Machi Salgado, e os actores afincados en Pontevedra Teté García, Xosé M. Esperante, e o propio Nani Matos onde participa por primeira vez como actor nunha curta na que tamén dirixe. Así mesmo, na curtametraxe debuta a moza Sabela Rodríguez da Guarda.
O equipo técnico estivo formado maioritariamente por profesionais do sector, varios deles de Pontevedra.
A curtametraxe colaborou coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde algúns dos alumnos, vencellados á aula de audiovisuais, puideron colaborar cos distintos departamentos da curta e vivir de cerca unha rodaxe.
Nani Matos é actor, director e guionista e este traballo supón a súa cuarta curtametraxe. Dirixiu as curtametraxes 'Dies di' (2009), 'Flores para Amalia' (2013) e 'Lurna' (2016), acadando entre elas máis de 200 seleccións nacionais e internacionais e preto de 50 premios. 'Lurna' é a súa curta máis premiada e estivo seleccionada en máis de 25 países. Nani Matos desenvolve, actualmente, a súa actividade na escritura de varios proxectos.