O Salón do Libro suma vinte anos de historias compartidas en familia e de momentos xunto a Orbil, a xa lexendaria mascota lobezna deste evento literario para toda la familia. A revolución e a cultura lusófona serán os eixos principais desta edición.
Carmen Fouces, concelleira de Cultura, presentaba este mércores a programación oficial acompañada do lobo máis lector.
O Salón do Libro comezará o 22 de marzo e estenderase ata o 12 de abril, cun calendario repleto de actividades para nenos, mozos e familias. Entre as novidades, destacan a redución de aforos para garantir a calidade dos obradoiros e a apertura, a petición dos visitantes, do Recinto Feiral, espazo onde se instalarán as exposicións, durante xornadas continuadas en fins de semana. Nas tardes de sábados e domingos, as actividades estarán dirixidas ao público xeral.
Antonio García Teijeiro, autor galego de poesía para nenos e un referente na literatura xuvenil da nosa cultura, será o escritor homenaxeado esta vez no Día Mundial da Literatura Infantil e Xuvenil, o 2 de abril.
En representación de Brasil asistirán, entre outros, a escritora e xornalista Marina Colasanti e o autor de poesía Henrique Rodrigues. No eido gastronómico, Amelia Andrade será unha das encargadas de deleitar os padares con sabores lusófonos.
De Portugal virán as ilustradoras Mafalda Milhoes e Ana Biscai, entre unha multitude de nomes do mundo da Ilustración. Da escrita infantil e xuvenil, hai que citar a presenza de Ana Pessoa. Joâo Afonso traerá o mellor da música portuguesa á cidade.
Exposicións, roteiros, contacontos, obradoiros, teatro e espectáculos musicais son algunhas das tipoloxías de actividades que se poderán desfrutar dende o xoves 21, en relación coa cultura lusófona e dende unha perspectiva revolucionaria.
Destaca, entre outras, a celebración do Congreso de Mediación Lectora do 27 ao 30 de marzo, como unha oportunidade para os educadores e mediadores en xeral de compartir e adquirir coñecementos que enriquezan os seus métodos de ensino.
'Lemos e Somos VIP!' é un novo espazo habilitado no Pazo da Cultura que compartirán autores e cativos.
Noites Abertas únese ao proxecto a través de actividades como a elaboración de gastronomía lusófona ou un rastrexo literario polas rúas da cidade.
Estrearanse varios espectáculos musicais como 'A nena e o grilo máis aló' e 'C@nto contigo', serán tamén as primeiras representacións da obra de teatro 'Mai Mai', da compañía pontevedresa Baobab Teatro.
PENSAMENTO CRÍTICO
Nesta ocasión, a revolución será a temática arredor da que xirarán as diferentes actividades culturais. Con isto, o Salón pretende achegar á mocidade a reflexión e o pensamento crítico como métodos de transformación social alcanzables a través da literatura, sinalaba Carmen Fouces.
Así mesmo, como é costume dende o comezo da celebración do Salón, a cidade revestirase doutra cultura. O encontro esta vez será cunha lingua en lugar dun país: a lingua irmá do noso idioma, á que a iniciativa quere reivindicar e visibilizar, o portugués. A cidade será unha fiestra aberta a Portugal, Brasil e Angola a través de escritores imprescindibles da cultura lusófona, sabores da súa gastronomía e música en portugués.