A cultura galega únese no Pazo da Cultura "contra a barbarie" en Palestina

Pontevedra
12 de novembro 2023

Muerdo, Mercedes Peón, Grande Amore, Najla Shami, Mago Teto, Rossina Castelli e Iván Prado foron este domingo os protagonistas no Pazo da Cultura de Pontevedra. Todos participaron na gala solidaria "Cultura contra a barbarie" en apoio o pobo palestino

Gala Solidaria con Palestina no Pazo da Cultura
Gala Solidaria con Palestina no Pazo da Cultura / Cristina Saiz

Pontevedra foi este domingo o lugar elixido para amosar o apoio de Galicia ao pobo palestino. O Pazo da Cultura acolleu a gala solidaria 'Cultura contra a barbarie', que recibiu ás persoas asistentes cunha simulación dunha fronteira con Israel, militares incluídos, e deu paso a toda unha lección de solidariedade por parte da cultura galega. 

Unha vez que o público xa se meteu en ambiente pasando por esa fronteira como a que está presente de forma permanente na vida do pobo palestino, un vídeo cargado de emotividade e un manifesto reivindicativo deron a benvida á cita, organizada para recadar fondos para o pobo palestino.

No último mes, 10.500 persoas foron asasinadas en Gaza, entre elas, 5.000 crianzas, nun territorio que é apenas a metade da provincia de Pontevedra, e onde dous millóns de persoas están ameazadas cunha terrible opción: ou deixar a súa casa para sempre ou morrer nela, asasinados por un dos exércitos máis potentes do mundo. 

Moi concienciados con esa situación, na gala actuaron Melania Cruz, Muerdo, Mercedes Peón, Najla Shami, Mago Teto, Rossina Castelli e Iván Prado. Desde o escenario pediron o fin do xenocidio en Palestina.

O evento, organizado pola ONG Pallasos en Rebeldía co respaldo de Culturactiva S. Coop. e a colaboración do Concello de Pontevedra e Galiza por Palestina, resultou todo un éxito de recadación e de concienciación.