A compañía pontevedresa Baobab Teatro, escollida entre máis de 800 propostas para participar na Feira de Teatro de Castela e León

Pontevedra
02 de xullo 2020

A produción 'Mai Mai' foi seleccionada, entre centos de opcións nacionais e internacionais, para formar parte da programación da 23 edición da Feira de Castela e León. Este espectáculo destinado a escolares de máis de cinco anos conta a historia do último Oso Panda do planeta

'Mai Mai', espectáculo de Baobab Teatro
'Mai Mai', espectáculo de Baobab Teatro / Baobab Teatro

O espectáculo 'Mai Mai', da compañía pontevedresa Baobab Teatro, foi seleccionada para formar parte da programación da 23 edición da Feira de Teatro de Castela e León, na que participan 33 montaxes escollidas entre máis de 800 propostas tanto nacionais como internacionais.

Baobab Teatro presentará a historia do último Oso panda no Teatro Nuevo 'Fernando Arrabal' o 28 de agosto ás 11.00 horas nunha feira que se desenvolve en Ciudad Rodrigo entre o 25 e o 29 de agosto. Trátase dunha obra para escolares maiores de 5 anos na que se fai unha reflexión sobre o quecemento global e os problemas que supón para a supervivencia do oso panda  Mai  Mai.

A dirección desta montaxe da  multipremiada compañía corresponde a Óscar Ferreira e a actriz e dramaturga Andrea Bayer e o actor Xosé Manuel Esperante son os protagonistas desta historia sensible e comprometida.

A selección deste espectáculo para esta Feira permite que a obra alcance unha maior dimensión no ámbito estatal porque este evento é unha cita anual con gran relevancia na dinamización do mercado escénico, na que se escollen formatos para público adulto e infantil de gran calidade.