A XV edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra xa está en marcha. Como cada ano por estas datas, comezaron os seus preparativos. Dado o traballo que supón a organización das actividades que se aglutinan ao longo de tres intensas semanas, o equipo do Salón xa se reuniu en numerosas ocasións. Nelas coñecimos o tema central, máis suculento que nunca: "Cociñando Contos" ou a súa vinculación ao proxecto europeo "Europa a la carta".
E agora revélanse por fin as datas de celebración, que será do 14 de marzo ao 5 de abril de 2014, e o nome da ilustradora do cartel: Natalia Rey González, alias Pirusca. Un ano máis, foi elixida a proposta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), de entre todos os seus membros que veñen colaborando con este proxecto nos últimos anos realizando, ademais dunha exposición, outras actividades.
Ademais, outra das novidades é que, ao tratarse dunha edición tan sinalada, non haberá un único autor homenaxeado, senón que se fará un recoñecemento colectivo a todos os escritores de literatura infantil e xuvenil aos que se lles adicou o Salón ao longo destes anos: María Victoria Moreno, Neira Vilas e Anisia Miranda, Bernardino Graña, Xabier P. Docampo, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Paco Martín, Gloria Sánchez e Marilar Aleixandre.
Nos próximos días, o Salón do Libro iniciará o contacto cos centros escolares para empezar a preparar as habituais colaboracións conxuntas como son os traballos da Sala de Exposicións, e outros específicos desta edición.