‘A Clásica na UVigo’ comezará na Casa das Campás

Pontevedra
27 de setembro 2024

Esta iniciativa, que nace co obxectivo de achegar a música clásica á comunidade universitaria e á cidadanía, comezará a súa andaina en Pontevedra o próximo xoves 3 de outubro, ás 20.30 horas, na Vicerreitoría do campus, na Casa das Campás

Dúo Fuchs
Dúo Fuchs / Universidade de Vigo - DUVI

A Universidade de Vigo levará a música clásica aos seus tres campus co ciclo de concertos ‘A Clásica na UVigo: Ciclo de Cámara nos Campus’.

Esta iniciativa, que nace co obxectivo de achegar a música clásica á comunidade universitaria e á cidadanía, comezará a súa andaina en Pontevedra o próximo xoves 3 de outubro, ás 20:30 horas, na Vicerreitoría do campus, na Casa das Campás.

O concerto de apertura contará coa actuación do Dúo Fuchs, conformado polos músicos Mauro José Mariño e Jennifer Gómez, antigos integrantes do Cuarteto de Corda Faraday e recoñecidos intérpretes en diversos escenarios europeos.

A entrada será libre e aberta a toda a cidadanía, segundo publica o DUVI.

Durante o recital en Pontevedra, o Dúo Fuchs interpretará un programa que incluirá pezas de compositores como Maddalena Laura Lombardini-Sirmen, Reinhold Glière, Federigo Fiorillo e Charles Auguste de Bériot.

A proposta musical aposta pola recuperación de obras inéditas ou esquecidas de diferentes épocas e estilos, abranguendo desde o século XVIII ata a actualidade.

A vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, destacou que esta iniciativa se impulsa por primeira vez grazas ao acordo asinado entre a UVigo e a Orquestra Clásica de Vigo, que colabora coa institución universitaria desde hai anos na organización do Concerto de Nadal.

"Con ‘A Clásica na UVigo’ queremos que a música clásica chegue a todos, tanto á comunidade universitaria como á cidadanía en xeral”, explicou Reboreda.

O Dúo Fuchs, fundado en 2019 con motivo do Festival Internacional Alpen Classica, ten como obxectivo a revalorización de obras para dúo de diferentes épocas.