'A cazola de Lola' ofrece no Principal unha óptica familiar da diversidade funcional

Pontevedra
17 de outubro 2022

A compañía Tanxarina Títeres de Redondela ofrecía unha dobre sesión este domingo no Teatro Principal dentro do ciclo de funcións escénicas para toda a familia Domingos do Principal. A vindeira fin de semana a compañía pontevedresa Migallas Teatro presentará 'Camiño de historias'

Tanxarina Títeres presenta "A cazola de Lola" en Domingos do Principal
Tanxarina Títeres presenta "A cazola de Lola" en Domingos do Principal / Cristina Saiz

A importancia que ten nas nosas vidas a presenza de persoas marabillosas constituía a principal mensaxe que trasladaba a función deste domingo nociclo teatral Domingos do Principal. A compañía Tanxarina Títeres de Redondela presentaba 'A cazola de Lola', cun personaxe central, Lola, que sempre leva un cazo e non sabe moi ben por que motivo. 

Lola amósase sensible e con gran sentido artístico e iso provoca que haxa persoas que non a entendan e lle compliquen a vida ata que finalmente consegue sentirse querida. Coa utilización de monicreques os tres intérpretes de Tanxarina Títeres ofreceron un espectáculo destinado ao público familiar para analizar a diversidade funcional entre os menores.

O vindeiro domingo 23, o ciclo ofrecerá outras dúas funcións a cargo da compañía pontevedresa Migallas Teatro, liderada por María Campos e Carlos Yus. Presentarán a súa montaxe 'Camiño de historias', formada por tres escenas de tradición oral procedentes de diversos países de fala portuguesa que abordan dunha maneira amena e divertida cuestións como a interculturalidade e os dereitos humanos. As entradas xa se atopan á venda en ataquilla.com