A Cátedra Saramago une en Pontevedra a 16 entidades nunha rede de estudos galego-lusófonos

Pontevedra
02 de decembro 2019

A creación de sinerxías e de proxectos de colaboración no ámbito dos estudos lusófonos, a través da docencia, da investigación e das actividades culturais. Este é o obxectivo xeral da rede internacional de cátedras, centros de investigación e asociacións presentada este luns nas IV Xornadas Internacionais da Cátedra José Saramago (CJS) da Universidade de Vigo

Baltrusch, xunto a responsables de varias das cátedras que integran esta rede internacional
Baltrusch, xunto a responsables de varias das cátedras que integran esta rede internacional / Universidade de Vigo

A creación de sinerxías e de proxectos de colaboración no ámbito dos estudos lusófonos, a través da docencia, da investigación e das actividades culturais. Este é o obxectivo xeral da rede internacional de cátedras, centros de investigación e asociacións presentada este luns nas IV Xornadas Internacionais da Cátedra José Saramago (CJS) da Universidade de Vigo.

As seis cátedras dedicadas a este escritor existentes no mundo, xunto con outra serie de cátedras, centros de investigación e colectivos forman parte dunha rede que finalmente recibe o nome de Jaricca e que parte da idea de que "os estudos lusófonos piden na actualidade transversalidade, internacionalización e interdisciplinariedade".

Así o puxo de relevo o director da CJS, o profesor Burhard Baltrusch, na inauguración das xornadas internacionais que ata este mércores se desenvolven na Vicerreitoría do campus de Pontevedra e que poñen en relación a obra e o pensamento do Nobel portugués coas problemáticas sociais e ambientais.

Saramago e os desafíos do noso tempo é o título das xornadas nas que participan investigadores e investigadoras de España, Portugal, Alemaña, Arxentina, Brasil, Israel, Italia, México e Portugal, así como parte dos e as responsables das diferentes entidades que integran Jaricca.

"Nesta cuarta edición, queremos destacar a ética do compromiso político e social coa realidade que nos ensinou o autor", salientou Baltrusch no acto inaugural, no que puxo de relevo como na obra e pensamento de Saramago "dialogan literatura, arte, filosofía e ética".