Xa ocupaba un lugar privilexiado no mapa cultural galego pero, a partir de agora, a Casa de Rosalía poderá presumir dun novo recoñecemento. Recibirá o Premio do Público na próxima edición da feira Culturgal, que se celebrará en Pontevedra a finais deste mes.
Case 1.200 persoas participaron na votación online que concluía este venres coa escolla da Casa de Rosalía como gañadora, tras recibir 444 votos. Impúxose á Rede Cultural da Deputación da Coruña (403) e ao Chanfaina'Lab (341 votos).
Con case cinco décadas de historia, ese museo situado en Padrón concentra a vixencia da figura e obra da poetisa galega máis universal, Rosalía de Castro.
Na Casa da Matanza, a autora viviu os seus últimos anos e é unha realidade como museo desde 1972 cando se inaugurou con Agustín Sixto Seco como presidente do padroado, Andrés Fernández-Albalat como arquitecto e Xosé Filgueira Valverde como primeiro director.
Nas seguintes décadas habilitáronse sala de xuntas, almacéns, servizos públicos, auditorio e arquivo; e en 1999, o Centro de Estudos Rosalianos.
Tamén se adquiriron ao longo do tempo outras propiedades, como a vivenda para a encargada da casa-museo. Desde 1971 ata o ano do seu pasamento, en 1998, a actriz Maruxa Villanueva foi a súa coidadora, ademais dunha excepcional especialista no mundo rosaliano.
A Casa de Rosalía, xestionada pola fundación que preside na actualidade Anxo Angueira, mantén unha actividade constante. Abre as súas portas a cotío, promovendo ou acollendo diversas iniciativas culturais e sociais.
Dá acubillo o Caldo de Gloria no Día de Rosalía, que busca implicar a todo o país na divulgación da obra de Rosalía; o Festival Abride a Fiestra, o 15 de xullo; a Inchadiña Branca Vela, unha homenaxe das xentes do mar á escritora; os Encontros na Casa de Rosalía da Universidade de Vigo e outras moitas actividades como concertos, presentacións ou conferencias.