A Cartoteca da Deputación pon a disposición do público a carta náutica cos 45 topónimos da ría de Pontevedra "que Colón utilizou en América"

Pontevedra
22 de outubro 2020

A Cartoteca "Domingo Fontán" da Deputación vai poñer a disposición do público de maneira inminente a carta náutica cos 45 topónimos da Ría de Pontevedra "cos que Cristóbal Colón nomeou os lugares aos que chegou en América", segundo apuntaron dende a Asociación Cristóbal Colón Galego entidade que formalizou este xoves a cesión do documento ao departamento provincial, adscrito ao Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico

Entrega da carta náutica á Cartoteca "Domingo Fontán" da Deputación
Entrega da carta náutica á Cartoteca "Domingo Fontán" da Deputación / Deputación de Pontevedra

A Cartoteca "Domingo Fontán" da Deputación vai poñer a disposición do público de maneira inminente a carta náutica cos 45 topónimos da Ría de Pontevedra "cos que Cristóbal Colón nomeou os lugares aos que chegou en América", segundo apuntaron dende a Asociación Cristóbal Colón Galego entidade que formalizou este xoves a cesión do documento ao departamento provincial, adscrito ao Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico.

O mapa toponímico foi realizado en 2013 pola Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra (Ministerio de Fomento), mais coa recepción por parte da Cartoteca provincial será a primeira vez que un centro oficial teña o mapa para consulta e exhibición ou incluso para reproducción.

"Era unha pena que ata o de agora tiveramos que acudir a copias sinxelas e económicas para quen as solicitaba. Desta forma a carta náutica xa vai ter unha consulta formal e profesional, con certa trazabilidade para saber quen a consulta e incluso introducir melloras ou ter opinión sobre os diferentes topónimos", subliñou Esteban.

Segundo destacou o presidente, "a xente que se atopa con este documento abre os ollos á posibilidade de que Cristóbal Colón puidera ser galego xa que é unha pegada dactilar da xeografía galega, neste caso da ría de Pontevedra, que imos ver reflexada en todo o ‘Novo Mundo’ ao longo dos viaxes que foi facendo Colón".

No mapa inclúense 45 topónimos ‘colonianos’ dos case 250 que agora se coñecen na costa galega. De feito, según deixa caer Esteban, o documento poderíase repetir en máis rías e zonas "e atopariamos a mesma coincidencia coa zona das Antillas".

Sinala que normalmente as ubicacións adoitan ter unha semellanza do sitio galego co do Novo Mundo e entre os exemplos deste paralelismo que ofrece propón como un dos máis claros o do río Xallas, que desemboca en fervenza, sabendo que "Colón chámalle tamén río Xallas a outro que alá desemboca en fervenza. Non só coincide o nome senón tamén a forma. Cousas que lle lembran á navegación aquí ímolas atopar alá reflexadas", insiste.

Dende que no 2013 se presentara o mapa toponímico xa se introduciron nel moitas matizacións, xa que algúns nomes toponímicos teñen unha variante en galego en Galicia e no Novo Mundo a día de hoxe están presentes en español, habendo tamén cambios de femininos e masculinos. "Hai que pensar que os topónimos chegan a nós a través dos libros de navegación, que moitos deles foron traducidos e non son os orixinais que escribiu Colón, senón Bartolomé de las Casas ou o propio fillo", apuntou o presidente do colectivo.

No acto oficial da doazón para que o mapa quede na Cartoteca ‘Domingo Fontán’ estiveron presentes a xefa do servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, Ana Vicente, xunto con persoal da propia Cartoteca e, por parte da asociación, Eduardo Esteban, presidente; Javier Pazo Olmedo, secretario; e Manuel García Rodiño, tesoureiro.