A biblioteca Luís Seoane derriba muros e chegará aos barrios de Comboa, Val-Sobral, Aranza e Moreira con Bibliofogar

Soutomaior
26 de setembro 2024

A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas; a bibliotecaria, Patricia R. Saavedra; e a coordinadora de Bibliofogar, Mar García, presentaron este xoves este servizo e a súa posta en marcha dende a vindeira semana

Patricia R. Saavedra, Silvia Cernadas e Mar García
Patricia R. Saavedra, Silvia Cernadas e Mar García /

A biblioteca municipal Luís Seoane de Soutomaior derribará muros e chegará aos barrios de Comboa, Val-Sobral, Aranza e Moreira. 

Será a través do proxecto Bibliofogar, un servizo de extensión bibliotecaria gratuíto que funcionará entre outubro de 2024 e maio do 2025.

A concelleira de Cultura, Silvia Cernadas; a bibliotecaria, Patricia R. Saavedra; e a coordinadora de Bibliofogar, Mar García, presentaron este xoves este servizo e a súa posta en marcha dende a vindeira semana.

 O obxectivo é achegar a lectura a todas as persoas censadas no concello e facilitar o acceso aos recursos da biblioteca reducindo as barreiras físicas e de mobilidade, xa sexan por idade, por impedimento físico ou por mala comunicación e falta de medios para desprazarse.

O servizo préstase cunha furgoneta equipada con ordenador, acceso a Internet, mobiliario e material da biblioteca.

Por un lado, faise o desprazamento aos domicilios das persoas que teñan algunha barreira física ou xeográfica que lles dificulte acudir á biblioteca de xeito presencial; e, por outro lado, tamén se fai o desprazamento a centros de maiores e locais veciñais, onde son varias as persoas que se benefician a un tempo deste proxecto de achegamento da cultura.

Silvia Cernadas explicou que Bibliofogar duplicou o número de libros prestados no ano 2023 con respecto a 2022, pero o Concello quere "seguir ampliando o medio centenar de persoas usuarias e levalo a máis barrios do concello, unha ampliación que ratifica o compromiso de Soutomaior cos barrios da parroquia". 

O servizo chegará ao barrio de Moreira (a antiga escola) o primeiro martes de cada mes, a Comboa (escola dos Moureiros) o segundo martes de cada mes, a Aranza (escola de Aranza) o terceiro martes de cada mes e os últimos martes de cada mes a Val-Sobral (Casa do Pobo).