A Biblioteca de Pontevedra súmase en maio á celebración das Letras Galegas

Pontevedra
03 de maio 2022

Haberá contacontos, obradoiros e unha mostra arredor do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, figura homenaxeada este ano

A Biblioteca de Pontevedra súmase en maio á celebración das Letras Galegas
A Biblioteca de Pontevedra súmase en maio á celebración das Letras Galegas

A Biblioteca Pública da Xunta en Pontevedra ‘Antonio Odriozola’ súmase en maio á celebración das Letras Galegas con contacontos, obradoiros e unha mostra arredor do poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, figura homenaxeada este ano. 

A programación comeza o venres 6 ás 18,00 horas co obradoiro de iniciación ao cómic a cargo de Yago García, enmarcado no Día da Banda Deseñada que se celebra o 1 de maio. A través desta proposta, público xuvenil e adulto aprenderá as bases para a elaboración dun cómic, desde a primeira idea ata a montaxe final, así como técnicas de creatividade.

A partir do 13 de maio arrincan as actividades conmemorativas das Letras Galegas, co espectáculo familiar de Raquel Queizás "Florencio nas ondas: unha homenaxe á vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán".

O venres seguinte será a quenda de Polo Correo do Vento co contacontos e obradoiro de debuxo "De Valdeorras a México: unha homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán", dirixido a público infantil a partir de 3 anos. 

Como peche, o día 27 terá lugar o obradoiro creativo de despregables de pop-up dedicado ás Letras Galegas, con Juan Kamishibai. Poderá participar a rapazada de 8 a 12 anos. Todas estas sesións terán lugar ás 18,00 horas.

A programación das Letras Galegas complétase coa mostra bibliográfica "Florencio Degado Gurriarán: activismo cultural dende o exilio". Instalarase do 13 ao 30 de maio no andar baixo da biblioteca, con materiais para todos os públicos sobre a vida e obra do poeta.

A maiores das propostas conmemorativas, a axenda complétase cunha nova sesión do curso de autoprotección feminina, dirixido a mulleres de 16 anos en diante que queiran aprender técnicas básicas de autodefensa. O presidente da Asociación Española de Defensa Persoal e Policial, Bernardo López, impartirá a actividade o día 21 a partir das 10,00 horas.

 

Arquivado en