O Camiño de Santiago será o gran protagonista da programación que a Concellería de Cultura de Poio, a través da biblioteca municipal, impulsará o vindeiro mes de abril, co gallo da celebración do Día do Libro (23 de abril).
A titular deste departamento, a nacionalista Raquel Rodríguez, avanza que se levarán a cabo "diferentes iniciativas, pensadas para toda veciñanza", nas que non faltarán concursos on line e actividades na propia biblioteca de Campelo.
Deste xeito, ademais de realizar unha decoración especial e impulsarase o 'Pasaporte Compostela', un reto lector que quere aproveitar o Ano Xubilar con seis etapas literarias diferentes.
Ademáis lanzarase nas redes sociais un photocall literario para compartir fotos relacionadas coa literatura co cancelo #fotolibro2021.
Á marxe do propio Día do Libro, a biblioteca municipal impulsa varias iniciativas ao longo do mes de abril.
Este xoves, día 1, conmemórase o Día das Artes Galegas, lembrando a data na que, en 1188, o Mestre Mateo asentou os linteis do Pórtico da Gloria e o 2 de abril é o Día Internacional do Libro Infantil, e no perfil oficial de Poio Cultura ofrecerá o relato do conto "Dez ratiños viaxeiros", dramatizado por Pablísimo.