Haberá presenza pontevedresa nun dos festivais de cine máis prestixiosos do mundo, a Berlinale. Matria, a ópera prima do director Álvaro Gago, é un dos filmes seleccionados para competir dentro da sección Panorama. Alí será, o próximo 17 de febreiro, a súa estrea mundial.
Será case un mes antes de que esta película, producida pola productora pontevedresa Matriuska Producciones, chegue ás salas de cine. Iso ocurrirá o 24 de marzo.
Matria, a primeira largometraxe do cineasta arousán, parte da personaxe principal da curtametraxe homónima que levou a Álvaro Gago a recibir innumerables recoñecementos a nivel nacional e internacional, entre eles unha nominación aos Premios Goya en 2019.
Este drama social, protagonizado pola actriz galega María Vázquez (O corpo aberto, Trote, Quien a hierro mata), conta a historia de Ramona, una muller que vive nunha vila de Galicia sumida nun contexto laboral e persoal tenso e impredecible.
Sempre sacrificándoo todo polo futuro da súa filla Estrella, verase empurrada a mirar cara a dentro e a pensar que, tal vez, haxa algo novo polo que vivir.
Álvaro Gago, que nestes momentos traballa na que será a súa segunda película, Porto Alegre, explica que Matria está inspirada na vida de Francisca Iglesias, unha "heroína anónima" que coidou do seu avó durante os derradeiros anos da súa vida.
"Foi a súa historia persoal, pola que sinto unha admiración sincera, a que me levou a empezar a escribir", recorda o cineasta, que rememora como o formato da curtametraxe orixinal "obrigou a enfocarnos en nada máis que algúns aspectos da súa vida e deixar a un lado un universo rico e convulso, que é no que decidín seguir afondando na miña primeira longametraxe".
Sostén que "era importante levar esta historia á pantalla porque precisamos que persoas coma Ramona dean un paso á fronte", ao entender que "é a través de historias coma a dela que temos que mirarnos ao espello e repensar a nosa realidade máis inmediata".
O elenco da película, rodada en galego en distintas localizacións de O Salnés e Pontevedra, complétase con Soraya Luaces, Santi Prego, Eduardo R. Cunha 'Tatán', Susana Sampedro e Francisca Iglesias, protagonista da curtametraxe e da historia real na que se inspira o filme.
Na produción de Matria participan tamén as produtoras Avalon P.C, Elastica Films, Ringo Media e Felicidad La Película, AIE; e conta coa participación da TVG, Movistar ou The Screen e coa colaboración da Deputación de Pontevedra e do Concello de Pontevedra.