A Banda Municipal de Música de Caldas De Reis competirá no certame internacional 'Ciutat de València'

Umia
15 de xullo 2024

O tenente de alcalde Manuel Fariña destaca que o Concello axudará á agrupación a afrontar os gastos de viaxe e estancia dos músicos cunha subvención de 10.000 euros

Banda de Música de Caldas de Reis
Banda de Música de Caldas de Reis / Concello de Caldas de Reis

A Banda Municipal de Música de Caldas de Reis vén de ser seleccionada para competir na 136 edición do Certame Internacional de Bandas de València que terá lugar esta semana entre o 18 e 21 de xullo. A actuación da banda da vila termal será este venres 19 coa aspiración de conseguir un dos tres premios en liza.

Das 21 bandas que conforman a orde de actuación, quince son da Comunitat Valenciana, dúas de Galicia (a Banda de Caldas tomará parte no concurso xunto á Asociación Cultural Banda de Música de Santádega -Ourense-), unha de Madrid e outra de Castela A Mancha, ademais da participación dunha banda sinfónica de Colombia e dunha banda de Portugal. Inicialmente estaban inscritas 30, mais foi preciso facer unha selección ao superar as prazas previstas.

Segundo explica o tenente de alcalde Manuel Fariña, "o Concello de Caldas quixo volcarse apoiando á agrupación musical para participar neste evento", considerado dos de máis nivel en todo o estado, axudando cunha subvención nominativa de 10.000 euros. Estes cartos servirán para financiar parte do custe do traslado e estancia de todas as músicas e músicos (aproximadamente uns 70) que se desprazarán dende Caldas á Comunidade Valenciana.

Fariña destaca que Caldas é unha vila fondamente vencellada coa música e ten unha Banda Municipal "de primeira división que merece poder demostrar o seu alto nivel na competición internacional". O concelleiro nacionalista subliña que a agrupación xa gañou o pasado ano o XVI Certame Galego de Bandas e ten moitas posibilidades de volver á casa "con outro premio baixo o brazo".

Segundo o responsable da área de Cultura, a participación da Banda de Caldas no Certame de Valencia, ademais, permite levar o nome do Concello máis alá das fronteiras galegas, dándose a coñecer entre persoas e agrupacións internacionais. "Estar no ‘Ciutat de València’ é unha grande proxección para a nosa vila", subliña.

O Certame Internacional de Bandas de València é o único concurso desta categoría que ten carácter anual e é extraordinario pola súa antigüidade, tradición e a cantidade e calidade dos músicos que acoden. Os días previos ao concurso, do 13 ao 17 de xullo, estanse a celebrar diversos concertos, conferencias e mesas redondas para completar a experiencia.

Como é habitual noutras iniciativas semellantes, Fariña acompañará á Banda de Caldas en representación do Concello na expedición que parte este mércores. Neste caso, sen embargo, a viaxe non será unicamente como parte da comitiva, senón que a dirección da agrupación, dada a formación musical como intérprete de trompa do Tenente de Alcalde, convidouno a participar activamente e tocar coa banda no concurso.