As comisións de festas das parroquias do municipio de Vilagarcía de Arousa xa teñen a posibilidade de solicitar a presenza da Banda de Música Vilagarcía de Arousa para as súas tradicionais celebracións festivas.
O Concello e a agrupación musical retoman neste 2022 o seu convenio de colaboración anual despois dun período de dous anos sen poder establecer actividades debido ás medidas sanitarias derivadas do control da pandemia.
Con este novo convenio, a Banda recibirá 46.270 euros, dos que 7.500 corresponden á adquisición de instrumentos e o resto será para subvencionar un total de 35 actuacións.
Dentro da programación, o 2 de abril está previsto que o Auditorio Municipal acolla o Concerto de Primavera da Banda, cun repertorio que presentará obras de Rossini e temas das películas de Charles Chaplin.