A Banda da Loba, a agrupación formada en 2016 en Santiago de Compostela, é unha das novas formacións musicais galegas que ofrecen un son fresco, combinando pop e rock coa tradición musical de Galicia.
Xiana Lastra, Andrea Porto, Marcela Porto, Inés Mirás e Estela Rodríguez subían este venres ao escenario da Praza da Ferrería ante milleiros de persoas que gozaron dun espectáculo cheo de dinamismo no que as intérpretes fixeron un repaso aos seus éxitos dos discos 'Bailando as rúas', 'Fábrica de luz' e do EP 'Hasme oír', baseado en poemas de Xela Arías.
Ademais presentaron os temas do seu último álbum publicado, 'Xabón Lagarta', que é unha homenaxe ás mulleres que traballaban nos lavadoiros ao mesmo tempo que creaban tradición musical e oral coas súas cancións e narracións.
Esta actuación forma parte do ciclo 'Con Voz de Muller', dentro das Festas de Verán de Pontevedra.
Este sábado chega a quenda dunha banda fundamental na música galega como é Leilía, referencia para as novas agrupacións creadas por mulleres en Galicia. Comezará ás 22.30 horas na Praza da Ferrería. O domingo pechará o ciclo a rockeira Sés con outra das actuacións agardadas nestas festas.
A entrada é libre para todos estes concertos.