A Banda da Loba e catro poetas reivindicativas homenaxean a Xela Arias este xoves na Ferrería

Pontevedra
02 de xuño 2021

O público interesado aínda pode reservar praza para asistir a este evento gratuíto que se desenvolvera este 3 de xuño ás 20.30 horas. A capacidade de público pode incrementarse ao tratarse dun espazo ao aire libre, segundo indican desde a Deputación de Pontevedra

A Banda da Loba actuará na homenaxe 'X Xela', organizado pola Deputación de Pontevedra, na praza da Ferrería
A Banda da Loba actuará na homenaxe 'X Xela', organizado pola Deputación de Pontevedra, na praza da Ferrería / A Banda da Loba

Este xoves 3 de xuño, a praza da Ferrería acollerá a partir das 20.30 horas un espectáculo en homenaxe á escritora, poeta, tradutora e profesora de Galego Xela Arias, a quen a Real Academia Galega dedicou este ano a celebración do Día das Letras Galegas 2021.

O departamento de Lingua da Deputación organiza este evento que leva por título 'X Xela'. Trátase dun acto multidisciplinar que xirará arredor da obra da autora que viviu durante moitos anos en Vigo. Combinarase a música coa poesía e a fotografía, ademais doutros medios audiovisuais coa intención de crear un espectáculo dinámico, atractivo e 100% feminino para homenaxear unha poeta singular, segundo sinala a deputada responsable da área de Lingua, María Ortega.

A asistencia e gratuíta pero é necesario reservar praza a través dun formulario que se recolle en www.depo.gal. Ao realizarse nun espazo aberto hai posibilidade de ampliar a capacidade para un número amplo de asistentes, segundo indican desde a Deputación de Pontevedra.

A Banda da Lobaofrecerá a parte musical con temas en que se enlaza a música coa letra de poemas de Xela Arias variando desde formatos tenros ata o punk rock ou o country ou mesmo o bolero. Entre estes temas destaca 'Intempériome', que se converteu nun himno na escena musical galega durante os últimos meses.

Poderán verse imaxes ao longo do evento de Xulio Gil, viúvo da homenaxeada e Premio da Crítica Galega con máis de corenta anos de traxectoria profesional no campo da fotografía.

En canto á parte poética contará coa presencia de catro poetas que representan a forza e a linguaxe poética de Xela Arias. Helena Salgueiro, Estíbaliz Espinosa e Nuria Vil e Vanessa Glemsel ofrecerán a súa visión poética e reivindicativa en relación coa forza das palabras da escritora luguesa homenaxeada. Este apartado está comisariado por Tamara Andrés, a coñecida poeta natural de Poio.