A Banda Artística de Arcade prepara con zarzuela o Certame Galego de Bandas que se celebrará no Pazo da Cultura

Soutomaior
09 de setembro 2024

Ofreceu o sábado un recital na Alameda de Talo Río, titulado 'Unha noite de zarzuela', contou coa presentación de Cris Collazo, da Cova das Letras, e as destacadas actuacións da soprano Anna Melikhova e do tenor Enrique Martínez

Actuación da Banda Artística de Arcade
Actuación da Banda Artística de Arcade / Concello de Soutomaior

Esta fin de semana a Banda Artística de Arcade, de 156 anos de historia, celebraba un concerto especial na Alameda de Talo Río, no Concello de Soutomaior.

O recital, titulado 'Unha noite de zarzuela', contou coa presentación de Cris Collazo, da Cova das Letras, e as destacadas actuacións da soprano Anna Melikhova e do tenor Enrique Martínez.

O público gozou de pezas emblemáticas como "La verbena de la paloma" e "Las hijas del Zebedeo", que encheron a noite de emocións e aplausos.

O concerto serviu para poñer en valor a longa traxectoria da Banda Artística de Arcade, un símbolo fundamental para entender a historia e a cultura de Soutomaior.

Este evento tamén serviu como promoción da próxima participación da Banda Artística de Arcade no XVII Certame Galego de Bandas de Música Populares.

O evento terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra o sábado 19 e o domingo 20 de outubro.