A Aula Permanente de Música Tradicional Galega pechou este luns o ciclo de actuacións no espazo público que desenvolveu ao longo do mes de xuño.
Foi cun concerto na praza de España protagonizado pola aula ao completo, tanto con gaitas e percusión como con acordeóns, zanfonas, ocarinas e frautíns, e no que participaron tamén outras seis agrupacións.
Concretamente, sumáronse a esta actuación a Escola de Instrumentos Populares Galegos Suso Vaamonde de Caldas de Reis, a asociación Amigos da Música de Salceda de Caselas, a agrupación folclórica Tequexetéldere da Estrada, a Escola Municipal de Música e Baile Tradicional do Concello de Outes, a asociación cultural A Fuliada de Betanzos e o grupo folclórico Hai que Roelo de Cuntis.
Este ciclo de concertos estivo dirixido a achegar á cidadanía os resultados da actividade formativa que a Vicerreitoría do campus promove desde hai seis cursos.
Co músico Suso Vaamonde como responsable, trátase dunha actividade formativa aberta á participación e toda a cidadanía, que permite iniciarse ou perfeccionar coñecementos no manexo de diferentes instrumentos populares.