A Aula de Teatro Municipal de Pontevedra (ATM) pon en escena unha nova montaxe este sábado 19 ás 21.00 horas no Centro Cultural Xaime Illa Couto en Raxó, no municipio de Poio. Baixo o título de 'Chumbalagatas', quince intérpretes, dez mulleres e cinco homes, representarán o caos comunicativo dos whatsapp grupais nunha obra divertida e cunha importante carga crítica social.
A música popular adquire especial importancia neste espectáculo onde o móbil é un protagonista máis sobre o que maullan os personaxes. Os integrantes da ATM levan desde novembro de 2017 traballando na elaboración desta obra con textos escritos polos propios intérpretes partindo de experiencias persoais. Ademais das escenas corais tamén aparecen insertados monólogos sobre os paralelismos coa familia borbónica, experiencias coa arte contemporánea ou mesmo co mundo do narcotráfico.
A función dunha hora e vinte minutos de duración forma parte da programación de teatro Poio Escena 2018 do Concello de Poio e enmárcase dentro dos actos organizados pola Sociedade Cultural e Deportiva Raxó co gallo da celebración do Día das Letras Galegas.
TRAXECTORIA DA ATM
A ATM é un espazo de formación para persoas interesadas nas artes dramáticas, que leva desenvolvendo actividades desde o ano 2000 a través da Concellería de Cultura do Concello de Pontevedra. Suma máis de 15 montaxes teatrais e obtivo numerosos premios en festivais de teatro afeccionado con espectáculos como ‘Un millón de vacas’, ‘O mellor dos mundos’ ou ‘Banqueiros’, unha obra que acadaba o Premio Teatro PoioEscena 2016.
Ademais, novos artistas como Cora Sayers, Bea Campos ou Santi Cuquejo deron os seus primeiros pasos dentro desta aula de teatro pontevedresa.