A Asociación Retrouso de Bueu celebra cunha gala especial o seu aniversario de prata

Bueu
06 de agosto 2024

O tradicional festival convértese este próximo sábado 10 nun especial percorrido polos vinte e cinco anos da asociación cultural bueuense. Comezará ás 21 horas no eirado de Cela, e inclúe actuación de Xurxo  Fernandes e para rematar unha foliada aberta

Presentación do XIX Festival Retrouso en Cela, Bueu
Presentación do XIX Festival Retrouso en Cela, Bueu /

A Asociación Cultural Retrouso de Cela, Bueu, cumpre 25 anos e este aniversario vai marcar a celebración da décimonovena edición do Festival Retrouso. "Está a ser sen dúbida o festival máis ambicioso e traballado da nosa historia", sinalou Débora Pena, tesoureira da asociación durante a presentación do evento que será este sábado 10 de agosto, ás 21.00 horas no eirado de Cela.

Durante hora e media ofrecerase un percorrido musical pola traxectoria de Retrouso, lembrando á mestra fundadora Leonor Rosales, Margarita Pérez, Miguel Sotelo, Cristian Vilas, Cristóbal Prieto, Pablo Fernández Rial, Alberto Costas, Xulia Feixoo, Miguel Rivas, Guillerme Inácio, Xela Conde, Andrea Cabanelas ..., ata hoxe con Belén Tievo ou Rubén Bastón. Serán máis de 80 persoas, entre músicos e bailadores, as que actúen.

A concelleira de Cultura en Bueu, Carmen García, animou a que se acuda a esta velada de aniversario: "é un orgullo acompañalos nesta celebración. Facemos e faremos todo o que estea na nosa man para que poidan seguir dinamizando coas súas escolas e espectáculos na formación de baile e música tradicional en Bueu e para toda a comarca do Morrazo".

Tras esta primeira parte, continuarase coa actuación do artista folk Xurxo Fernandes, quen acompañado da súa banda ofrecerá o espectáculo 'Levaino!'. Para completar, darase paso a unha foliada aberta co público asistente. A entrada é gratuíta e dispoñeranse bebidas e bocadillos a prezos populares.