A Asociación Veciñal O Chedeiro de Cerponzóns fixo unha achega ao patrimonio bibliográfico da provincia.
Juan José Esperón, secretario da asociación, entregou ao servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra dous exemplares dos primeiros tomos de "Aller de Cerponzóns" e o libro "Patrimonio Etnográfico de Cerponzóns".
Os volumes pasarán a formar parte do fondo da Biblioteca da Deputación Provincial de Pontevedra, estando así ao dispor das persoas usuarias que desexen consultalos.
Trátase dun valioso material que documenta e recolle a historia e o patrimonio etnográfico da parroquia de Cerponzóns.
O libro "Patrimonio Etnográfico de Cerponzóns" é unha recompilación exhaustiva de datos sobre o valor cultural e o patrimonio da parroquia.
Os dous primeiros tomos de "Aller de Cerponzóns" ofrecen un percorrido polas noticias publicadas en prensa escrita entre 1852 e 1959 que gardan relación coa parroquia de Cerponzóns.
Ese traballo reflicte a evolución histórica e social da comunidade ao longo de máis dun século.
A intención de Juan José Esperón é completar esta serie no próximo ano coa publicación dun terceiro tomo, que cubrirá a década dos anos sesenta.