A Arte da Luz no Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro

Umia
13 de maio 2015

A mostra, que estará aberta ao público ata o 21 de xuño, ten como obxecto dar a coñecer os conxuntos prehistóricos de Siega Verde (Salamanca) e Vale do Côa (Vila Nova de Foz, en Portugal), incluídos ambos no Patrimonio Mundial

Exposición permanente no recinto do Parque Arqueolóxico
Exposición permanente no recinto do Parque Arqueolóxico

Baixo o título "El Arte de la Luz" o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, acolle desde este mércores unha mostra itinerante sobre a arte rupestre paleolítica ao aire libre da península ibérica.

A exposición, que permanecerá aberta ao público ata o 21 de xuño, ten como obxectivo fundamental o de dar a coñecer os sitios de arte rupestre prehistórico de Siega Verde (Salamanca) e Vale do Côa (Vila Nova de Foz Côa, Portugal), distribuídos a ambos lados da fronteira e incluídos na lista do Patrimonio Mundial.

Trátase dunha exposición itinerante que se enmarca na alianza e das redes xeradas entre os diferentes sitios con arte rupestre integrados no Itinerario Cultural do Consello de Europa Caminos de Arte Rupestre Prehistórico, do que forman parte máis de 120 dos principais sitios con arte rupestre do continente europeo, entre eles o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro. Está conformada por 15 paneis, no primeiro dos cales se amosa unha visión panorámica sobre o territorio no que se emprazan os paneis con gravados, e os outros revelan algúns dos máis salientables exemplos de cada unha das áreas arqueolóxicas.

A mostra é un extraordinario exemplo de cooperación internacional na investigación, promoción e difusión conxunta da máis antiga arte europea, entre diferentes administracións e organizacións situadas a ambos lados da fronteira entre España e Portugal. Iniciouse no Museo de Prehistoria de Cantabria (MUPAC) de Santander, logo foi exhibida no Centro de Arte Rupestre Tito Bustillo (Ribadesella, Asturias), e agora chega ao parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro.

Arquivado en