A arte arquitectónica destacarase en Pontevedra da man de Proxecto Experimenta

Pontevedra
12 de abril 2018

A nova iniciativa do Concello de Pontevedra busca aproveitar os espazos urbanos para realizar mostras artísticas interactivas, baixo o lema "A cidade como espazo de reflexión"

Presentación de Experimenta Pontevedra
Presentación de Experimenta Pontevedra / Paula Sanmartín

Para resaltar o modelo urbanístico da cidade, o Concello de Pontevedra puxo en marcha unha nova iniciativa centrada no deseño de arte arquitectónica. Esta chámase Proxecto Experimenta, e que ten como obxectivo a utilización das rúas e prazas como espazo de reflexión así como a creación dunha comunidade ao redor da produción de arquitectura e arte.

A iniciativa foi presentada pola concelleira Anabel Gulías, José Carlos Mera e José Santos de Mera e Santos Arquitectos, e Javier Pena Ibáñez de Concéntrico Logroño. A través de Experimenta realizarase a instalación efémera de estruturas de deseño en diferentes prazas da cidade, que terán como principal característica a posibilidade de interacción por parte dos cidadáns.

Haberá un total de catro intervencións, unha suxeita a concurso e outras tres por invitación, unha delas para un equipo internacional probablemente de Portugal, segundo comentaba Pena Ibáñez. Ademais das mostras tamén se realizarán conferencias que acompañarán a cada un dos proxectos.

As exposicións terán lugar na Praza de Ourense, Praza de Santa María, Praza do Mercado e na praza nova do hospital, entre os días 21 e 24 de xuño.

Toda a información está dispoñible na páxina web de Proxecto Experimenta, desde onde tamén se poden descargar as bases do concurso.