A Alameda acolle unha mostra de imaxes que deixou na cidade o confinamento

Pontevedra
11 de agosto 2020

A Alameda de Pontevedra acolle dende esta tarde dúas exposicións de fotografía. Por unha banda, están as 15 fotografías seleccionadas polo xurado do certame 'Memoria dun confinamento. Pontevedra 2020', e tamén hai unha selección de 30 fotos realizadas polo fotoxornalista pontevedrés Ramón Leiro

Exposicións de fotografías sobre o confinamento
Exposicións de fotografías sobre o confinamento / Cristina Saiz

A Alameda de Pontevedra acolle dende esta tarde dúas exposicións de fotografía.

Por unha banda, están as 15 fotografías seleccionadas polo xurado do certame 'Memoria dun confinamento. Pontevedra 2020', convocado pola Concellaría de Cultura con motivo do Día das Artes Galegas (instituído o 1 de abril pola Real Academia Galega das Artes).

A esta iniciativa concorreron un total de 60 fotografías de persoas con idades comprendidas entre os 8 e os 67 anos. Todas as fotos presentadas, tal e como estipulaban as bases, foron tomadas desde os domicilios e amosan exteriores tales como vistas desde xanelas, balcóns ou terrazas.

Na mesma ubicación, tamén está instalada unha mostra cunha selección de 30 fotos realizadas polo fotoxornalista pontevedrés Ramón Leiro, e que forman parte dun proxecto persoal a través do que foi documentando a vida da cidade do Lérez durante os meses nos que se decretou o confinamento domiciliario.

O certame fotográfico 'Memoria dun confinamento. Pontevedra 2020' pretende conxugar a posta en valor da arte, a participación activa da veciñanza, e a execepcionalidade do día a día que se viviu durante os meses de confinamento. Así, a mostra compila diferentes visións daquela situación desde a óptica persoal das persoas que participaron na iniciativa, e que á súa vez toman o protagonismo como narradores do día a día dunha situación insólita como a vivida entre os meses de marzo e maio.

Relación de fografías seleccionadas e autores

Na categoría 'Infantil-Xuvenil' para rapaces e rapazas de ata 18 anos, foron seleccionadas dúas fotos:

  • "Ás oito" de Xabier Barral Pousa
  • "Pechados na casa" de Lois Santomé Paz

 

Na categoría de 'Adultos' para persoas de 19 a 65 anos foron seleccionadas 12 fotos:

  • "Confinada con su gatita" de Carlos Montero Martínez
  • "Hoy no salgo que llueve" de Gloria Francisco González
  • "Resistencia colectiva" de Álvaro Rodríguez Carballo
  • "Desde mi ventana" de Diego Torrado Moledo
  • "Vencereite" de Susana Paz Alejandre
  • "La vida es bella con 3" de Amancay Tapia
  • "Ler na xanela" de Luz Francisco González
  • "Un cielo confinado" de Borja Costas Dicha
  • "Atrapados" de Pedro Pablo Vidal Solla
  • "Dende a miña fiestra" de María José Fraga Amboage
  • "interius (dentro)" de Simón Bujía Tourón
  • "A nova roupa" de Sofía Patricia Remiseiro Rivas

 

Na categoría 'Sénior' para persoas maiores de 65 anos foi seleccionada 1 foto:

  • "No estou solo" de Darío Perdiz Suárez