A aclamada "O mozo da última fila", próxima cita do ciclo Ponteatro no Principal

Pontevedra
16 de maio 2021

Representarase o vindeiro xoves 20 de maio, ás oito da tarde, no Teatro Principal. Este espectáculo forma parte do ciclo Ponteatro. A obra, dirixida por Álex Sampayo, está protagonizada polos actores Guillermo Carbajo, Roberto Leal, Belén Constenla, Mónica García, Rubén Porto e Machi Salgado

Escena de "O mozo da última fila", de Redrum Teatro
Escena de "O mozo da última fila", de Redrum Teatro / Redrum Teatro

Tras 26 adaptacións en todo o mundo e unha película francesa que gañou a Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián en 2012, a obra "El chico de la última fila" do dramaturgo Juan Mayorga traduciuse ao galego. Fíxoo a compañía Redrum Teatro.

O mozo da última fila é o nome que recibiu esta adaptación, que se representará o vindeiro xoves 20 de maio, ás oito da tarde, no Teatro Principal. Este espectáculo forma parte do ciclo Ponteatro.

A obra, dirixida por Álex Sampayo, está protagonizada polos actores Guillermo Carbajo, Roberto Leal, Belén Constenla, Mónica García, Rubén Porto e Machi Salgado.

Ofrece unha reflexión cargada de ironía sobre a necesidade de contar historias, a fascinación polas vidas alleas e a lexitimidade da creación artística.

Nela, Claudio é un estudante de dezasete anos que senta na última fila. Non fala, non participa, non é problemático, non destaca, salvo en Matemáticas. Cada clase fáiselle máis insoportable ata que Xermán, o profesor de Lingua e Literatura, manda escribir unha redacción sobre a fin de semana.

A partir deste intre, Claudio empeza a transformarse en alguén que observa, imaxina e escribe a vida doutros nun relato por entregas para un só lector.

Ese relato compartido polo discípulo e o mestre convértese nun xogo cada vez máis perigoso para eles e para quen os rodea. Un xogo que se disputa en dous taboleiros: o da vida e o da literatura.