A accesibilidade, prioridade do novo director do Museo, para que "todo o mundo poida visitalo en condicións de igualdade"

Pontevedra
22 de abril 2019

José Manuel Rey García estreouse este luns como director cunha reunión con Carmela Silva e Xosé Leal e adiantou que o seu obxectivo é "manter a esencia, pero mirar máis lonxe, abrir o foco para converter o Museo de Pontevedra nun verdadeiro museo do século XXI" 

Reunión de Carmela Silva, José Manuel Rey García e Xosé Leal
Reunión de Carmela Silva, José Manuel Rey García e Xosé Leal / Deputación Provincial de Pontevedra

José Manuel Rey García estreouse este luns como director do Museo de Pontevedra nun primeiro día de traballo no que mantivo unha reunión coa presidenta da Deputación e o deputado provincial de Cultura, Carmela Silva e Xosé Leal e desvelou que un dos retos que se marca nesta nova etapa é mellorar a accesibilidade das instalacións. Considera que a nivel físico xa se avanzou e moito, pero queda centrarse na accesibilidade cognitiva e sensorial, para que "todo o mundo poida visitar o museo en condicións de igualdade".

Rey García aínda non decidiu cal será a súa primeira medida á fronte da institución, senón que primeiro quere coñecer en profundidade a situación do Museo e cales son as súas liñas de traballo xa consolidadas e, a partir desa "reflexión sosegada e tranquila" empezar a planificar o futuro inmediato.

De momento, antes de coñecer a fondo a institución e entrevistarse cos traballadores que coñecen as súas dinámicas, si deu a coñecer cales son as liñas que deben rexer o seu funcionamento. Plasmounas xa no proxecto de futuro presentado e baséanse en que sexa un "Museo social", coa idea de reforzar a participación, fomentar o diálogo e o debate crítico e "apostar por unha inclusión social na que todos se vexan reflexados". 

Así, preocuparase polo público que acode habitualmente ao Museo, pero tamén polo que non é usuario."Hai que saber por que non vai esa xente ao Museo para  tratar de captalo, para tratar de ofrecerlle algo que nos demanden". 

Ademais, deixa clara a súa vontade de fomentar sinerxias e colaboración institucional, participando en redes de intercambio de experiencias, e de apostar pola proxección exterior e "traspasar as nosas fronteiras". En definitiva, o obxectivo que se marca é respectar a tradición, pero mirar ao futuro e apostar polas mesmas liñas de traballo que seguen os principais referentes museísticos.

"Manter a esencia, pero mirar máis lonxe, abrir o foco para converter o Museo de Pontevedra nun verdadeiro museo do século XXI" é a finalidade perseguida e, para iso, apostará pola calidade e a innovación, "por xerar non só ideas, senón converter tamén ou Museo nunha factoría de coñecemento, de emocións e de experiencias".

Carmela Silva defendeu que o de Pontevedra "é moito máis que un museo, é unha institución que contén toda a nosa historia" e, por tanto, é un instrumento fundamental para que a cultura sexa unha das grandes potencialidades da provincia. Ademais, destacou que ten recoñecemento a nivel de toda España e é coñecido a nivel internacional, pero iso non significa durmirse nos loureiros, senón que "temos que darlle un pulo máis potente aínda". 

Na mesma liña que o novo director, Carmela Silva destacou unha idea sobre a que tamén se manifestou en anteriores ocasións Xosé Leal, que o Museo ten que "entrar século XXI sen deixar de ollar para o pasado. Estar no presente ollando para o futuro".