24 investigadores internacionais tratarán en Pontevedra os conflitos das fronteiras

Pontevedra
14 de setembro 2015

A Casa das Campás acolle xa a presentación da exposición Del Golfo al Pacífico, unha mostra fotográfica itinerante sobre a vida na fronteira entre México e os Estados Unidos

Exposición 'Del Golfo al Pacífico'
Exposición 'Del Golfo al Pacífico' / Cristina Saiz

A Facultade de Ciencias da Comunicación no campus de Ponteveda acollerá os días 24 e 25 de setembro un congreso internacional no que se tratará a situación que se rexistra en diferentes fronteiras, centrándose principalmente nas experiencias que se viven entre México e Estados Unidos, pero tamén facendo referencia ás situacións históricas entre Portugal e España, entre outras. Neste evento participarán 25 investigadores procedentes de diversas Universidades como Italia, Estados Unidos ou Sevilla para analizar os movementos migratorios, a cooperación e o conflito que se xera ao redor deste tema.

Este luns 14, o vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, acompañado pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro e polos profesores Enrique Varela e Celso Cancela, comisarios da exposición ofreceron datos deste congreso aberto ao público dentro da presentación da mostra fotográfica 'Do Golfo ao Pacífico' que se pode ver ata finais deste mes na Casa das Campás tanto en horario de mañá como de tarde.

Nesta exposición pódense ver 58 traballos fotográficos, algúns deles recollidos en vídeo, que reflicten diferentes escenas nas que se aprecian aspectos sociolóxicos, económicos, culturais relacionados coas fronteiras, que nalgúns casos finalizan en morte.

"Aínda que xente como Donald Trump pense que se lle poden pór portas ao mar, non se lle poden pór portas", sinalou Enrique Varela ao referirse ao referirse ao político norteamericano e á situación que, por exemplo, se atravesa nos confíns entre México e Estados Unidos, que supoñen un espazo de entrada para toda América Latina, apuntou o investigador, quen afirmou que o conflito é consustancial ás fronteiras. Varela indicou que nestes puntos vívese nun ambiente "moi hostil pero a xente vive e sobrevive".