200 actividades, 100 expositores e 500 artistas ofrecerán o mellor da creatividade galega en Culturgal

Pontevedra
07 de novembro 2024

A 17ª edición do evento volverá celebrarse no Recinto Feiral e no Pazo da Cultura de Pontevedra os días 29, 30 de novembro e 1 de decembro ofrecendo propostas musicais, escénicas, literarias, audiovisuais, artísticas e de videoxogos realizadas en Galicia

Presentación de Culturgal 2024
Presentación de Culturgal 2024 / Concello de Pontevedra

Este xoves 7 de novembro, celebrouse no Pazo da Cultura de Pontevedra a presentación oficial de Culturgal 2024, a Feira das Culturas Galegas, que terá lugar os días 29, 30 de novembro e 1 de decembro.

A 17ª edición de Culturgal, considerado xa un referente na cultura galega, ofrecerá preto de 200 actividades entre o Recinto Feiral e o Pazo da Cultura, que inclúen presentacións de libros, concertos, talleres de robótica, mesas de debate, teatro e máis, reflectindo o rico panorama cultural galego.

Víctor López, presidente de Culturgal, destacou que este evento representa un exemplo de colaboración entre administracións e patrocinadores, que cada ano mellora e incorpora novos espazos e propostas.

Segundo López, "Culturgal é un proxecto que necesita o apoio constante das institucións e patrocinadores, e xera un retorno directo para a sociedade galega e promove a imaxe de Galicia ao mundo".

Entre as figuras máis esperadas, estarán presentes nomes relevantes como Manuel Rivas, Olga Novo e Paula Carballeira, premios nacionais de literatura.

Ademais, o director do evento, Camilo Franco, sinalou que esta edición apostará por intensificar o encontro entre artistas e público, buscando novos públicos para unha cultura galega diversa, valente e talentosa.

Manuel González, director de PuntoGal, subliñou que neste Culturgal celebrarán o décimo aniversario da creación deste dominigo como vehículo para visibilizar a cultura galega na rede.

PuntoGal aproveitará a feira para organizar actividades enfocadas na tecnoloxía e a ciencia, destacando a competición de robótica First Lego League, onde tres equipos de secundaria exporán os seus proxectos.

González tamén anunciou unha promoción especial para que entidades sen ánimo de lucro accedan ao dominio a prezo simbólico, reforzando o compromiso coa promoción da cultura galega en internet.

Na programación musical, Culturgal 2024 conta con concertos de artistas de renome como Mercedes Peón, Bouba Pandereiteiras, Lucía Aldao co seu proxecto 'Pava', ademais do dúo Camaño e Ameixeiras, entre outros.

Lucía Aldao - Pava
Lucía Aldao - Pava Culturgal

Este ano tamén se celebrará o 30 aniversario do movemento Bravú, un fito na renovación da cultura galega, cunha actuación especial da bandas Xangai, acompañada dun pase audiovisual conmemorativo.

O teatro tamén terá un papel destacado con espectáculos escénicos como a estrea de 'Ultranoite Cultureta' da compañía Chévere, un repaso satírico á cultura galega.

Tamén haberá funcións para público infantil, incluíndo 'A nena e o grilo nun barquiño' de Magín Blanco, unha das propostas máis entrañables do evento xa que está prevista que sexa a última representación deste espectáculo.

A literatura ocupará un lugar especial, cunha sesión de presentación de novidades editoriais onde participarán autores como Ana Romaní, Antón Reixa, Lois Pérez ou María Reimóndez.

Haberá tamén un encontro de 17 clubs de lectura galegos e un espazo de arte onde os asistentes poderán debater e coñecer as novas tendencias das artes plásticas en Galicia e os retos cara ao futuro.

Entre os seis escenarios da feira, o espazo infantil foi deseñado para proporcionar un ambiente acolledor e seguro para o xogo, ademais dun "teatriño" que estará illado do resto de actividade do Recinto para permitir actuacións con máis intimidade.

Pola súa parte, haberá un punto de encontro central dentro do recinto para todos os asistentes denominado Prazagal

Anabel Gulías, concelleira de Promoción da Cidade, agradeceu a continuidade de Culturgal en Pontevedra, destacando a aposta estratéxica da cidade pola cultura.

Segundo Gulías, a cultura non só enriquece socialmente, senón que tamén xera recursos económicos que vertebran a cidade.

A súa intervención foi reforzada por Rafa Domínguez, vicepresidente da Deputación de Pontevedra, quen afirmou que "non podemos non coidar a nosa cultura propia, pois é un factor identitario fundamental".

O director de AGADIC, Jacobo Sutil, tamén quixo destacar o excelente momento da cultura galega, que está a recibir numerosos premios e recoñecementos.

Sutil resaltou que Culturgal é un exemplo de colaboración público-privada que pon en valor o talento galego e defendeu a necesidade de traballar por mellorar o acceso e a calidade dos contidos culturais en galego.

'VÉN E BAILA'

Camilo Franco indicaba que na xornada final do domingo 1 de decembro ás 12.00 horas está previsto un "evento revolucionario" denominado 'Vén e baila' coa intención de desenvolver unha romaría musical coa presenza de grupos de gaitas e a invitación a todas as persoas que queiran a bailar nun encontro guiado por Artur Puga.

"Queremos que sexa a recuperación da relación da cultura co baile. A idea é quedar para bailar", explicaba o director de Culturgal sobre esta proposta de recuperar o aire das feiras antigas.

Culturgal 2024 conta cun orzamento de preto de 300.000 euros e ofrece prezos accesibles para todos os públicos.

As entradas diarias oscilarán entre 2 e 3 euros, os bonos para os tres días entre 5 e 12 euros, e o bono familiar para un día custará entre 4,01 e 7,01 euros.

Ademais, algúns eventos como o espectáculo de Magín Blanco terán un prezo de 5 euros, e a estrea de 'Ultranoite Cultureta' de Chévere custará 22 euros, función que xa ten vendidas a metade das entradas.

"Todas as actividades que se organizan son para captar público e romper o mito de que só hai un público para a cultura galega", concluía Camilo Franco a súa exposición sobre unha edición que contará con 500 artistas e cen expositores.

A programación completa estará dispoñible este venres á noite, pero desde xa, Culturgal 2024 anticipa unha oferta variada e ambiciosa que celebra e promove o mellor da cultura galega, desde as súas raíces ata as súas expresións máis vangardistas.

Segunda xornada do Culturgal 2023 no Recinto Feiral
Segunda xornada do Culturgal 2023 no Recinto Feiral  Cristina Saiz